A convocatoria da Rede Cultural da Deputación da Coruña rexistra 2000 espectáculos inscritos
Máis de dous mil espectáculos optan a participar na nova edición da Rede Cultural cun incremento de participación no número de inscrición parello ao aumento de orzamento experimentado nesta nova edición polos circuítos da Deputación da Coruña.
O pasado venres pechábase o prazo para se inscribir na Rede Cultural da Deputación da Coruña e o balance foi máis de dúas mil solicitudes de espectáculos para participar na nova edición dos circuítos que teñen como obxectivo programar actividades culturais en concellos e entidades.
Un total de 2.381 solicitudes, entre propostas e entidades, rexistráronse na Deputación da Coruña das que 1299 corresponden a espectáculos profesionais e 519 a non profesionais, quedando as que faltan á espera de completar documentación. En total foron 550 entidades, empresas e compañías as que participaron na nova convocatoria que viu incrementado o seu orzamento nun 30% con respecto á edición anterior cun total de 1.400.000 €. Na anterior edición, foron 1035 as iniciativas de profesionais e 464 as de non profesionais que concorreron á Rede Cultural.
“O resultado da convocatoria é un dos indicadores que avalan a relevancia da Rede Cultural tanto para achegar á cultura ao vivo a toda a poboación a través de actividades como para un dinámico sector cultural que precisa posibilidade de achegar os seus espectáculos ao público, en especial nos pequenos concellos que teñen máis dificultades para programar cultura”, sinala a vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.
Unha das novidades desta edición foi a incorporación do cinema que se suma a actividades como música, artes escénicas e títeres e danza. Trece proxectos de cinema foron rexistrados nesta nova edición da Rede que valora entre os seus criterios a promoción da lingua galega e o fomento da igualdade de xénero nos espectáculos.











