A Consellería do Mar inviste 60.000 euros nas obras de mantemento das instalacións portuarias de Mugardos
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá preto de 60.000 euros en diversas obras de mantemento no porto de Mugardos, consistentes na reparación de pantaláns, alumeado con leds, instalacións eléctricas e defensas de protección para os barcos, entre outras actuacións. Así o anunciou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha reunión de traballo co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus. Esta xuntanza enmárcase dentro da rolda de encontros que periodicamente mantén o presidente do ente público cos responsables dos concellos costeiros de Galicia.
O presidente de Portos sinalou que este tipo de reunións “son fundamentais para coñecer de preto as inquedanzas do sector profesional e dos concellos”. Nesta liña engadiu que “estamos a disposición de todos para tratar de resolver, no posible, todas e cada unha das peticións que nos plantexan”.
Na reunión, á que tamén asisitiu a patrona maior Teresa Carnero, tratáronse outros asuntos como o estado das infraestruturas, mantemento e conservación das instalacións portuarias e a posta en valor da Casa do Reloj, unha emblemática edificación do porto.