A Consellería de Política Social participa coas RSOE nunha reunión en prol da demografía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, participou en Oviedo na reunión do grupo de traballo ‘Demografía e envellecemento-RESOE’. Na reunión de traballo da Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo, celebrada na sede da presidencia do Goberno do Principado de Asturias, expúxose a situación demográfica de cada unha das rexións. Do mesmo xeito, presentáronse as oportunidades rexionais e europeas de financiamento para colaboración interrexional como o Interreg Europe, o Horizon 2020 ou o SUDOE. Os representantes da Xunta e dos demais Gobernos Autonómicos acordaron que o próximo encontro sexa na primeira quincena de xullo en Galicia, onde se expoñerán as boas prácticas dos socios en temas de demografía e envellecemento.

A xuntanza entre as rexións europeas estivo dedicada ao traballo en prol da demografía. Así, identificáronse posibles accións conxuntas como que as Comisións de Coordenación de Desenvolvemento Rural avalíen a posibilidade de integrarse na Rede Europea de Rexións para Desafíos Demográficos, da que xa forma parte Galicia. Así tamén estudouse a participación conxunta nos Open Days 2015, a realización dun sitio web da RESOE, e a realización dun estudo lonxitudinal sobre as consecuencias sociais das alteracións demográficas para o que poderían xuntarse os centros de estudos das 5 rexións participantes.

Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, salientou, xunto a outros membros do RESOE, a importancia do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP) baixo o título ‘Rede transfronteiriza para a Dinamización Demográfica’. O obxectivo principal deste proxecto é crear unha rede que promova a cooperación administrativa entre cidadáns e institucións e que impulse unha estratexia conxunta mediante Plans Estratéxicos Transfronteirizos, intercambios de experiencias entre rexións, dispositivos informativos de análise, instrumentos innovadores para articulación e o desenvolvemento do espazo transfronteirizo e iniciativas piloto multinivel que incidan no criterio de transversalidade ao incorporar a perspectiva demográfica na Administración, empresa e sociedade civil.

O POCTEP terá unha duración de 35 meses, ata o mes de decembro de 2018, e contará cun orzamento total de 1,7 millóns de euros, cofinanciado ao 75% polo FEDER. Dentro das actividades previstas, o programa terá seis grandes epígrafes que serán a planificación transfronteiriza para a dinamización demográfica, o dispositivo informativo de análises e propostas, as iniciativas piloto multinivel, a xestión e coordinación e a comunicación.

Medidas de conciliación

Ademais da medida estrela do Programa de Apoio á Natalidade (PAN) da Xunta de Galicia, a Tarxeta Benvida que xa conta con máis de 1.000 solicitudes e grazas á que os pais poderán obter unha axuda de 100 euros ao mes para os gastos básicos do bebé, destacan outras medidas postas en marcha polo Goberno Autonómico en prol da conciliación.

Así, cómpre destacar as medidas exemplarizantes que se levan a cabo desde a Xunta como o teletraballo para fomentar a conciliación ou os permisos de paternidade e maternidade. No eido do teletraballo un total de 10 persoas do cadro de persoal da Consellería de Política Social xa gozan dun máximo de 3 días deste servizo á semana. No Plan Estratéxico 2015-2020 inclúese un incentivo a aquelas empresas que fomentan a conciliación. Ademais, os Orzamentos de 2016 recollen medidas como o o bono concilia que duplica o seu orzamento para 2016 ata acadar os 3,4 millóns de euros (para os que non teñan praza nunha escola infantil da Xunta), o bono coidado (para o rural ou zonas onde non haxa gardería); así como medidas xa establecidas previamente e baseadas en novos métodos de conciliación (casas-niño no rural ou o SAF para a Infancia), deducións fiscais así como a prestación por fillo a cargo, axudas para aluguer ou compra de vivenda ou a oferta de 20.500 prazas en escolas infantís públicas.

Moitas destas medidas foron valoradas positivamente polos responsables doutras autonomías que coincidiron na acertada estratexia da Xunta de Galicia e apuntaron cara a posibilidade de aplicar algunhas destas iniciativas no seus territorios.

23 de febreiro de 2016 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.