A Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social abre o curso cunha conferencia de Esther Trujillo
A Cátedra Inditex-Universidade da Coruña (UDC) de Responsabilidade Social celebrou este xoves o acto de apertura da V edición do seu Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS), ao que asistiu a experta en ética, estratexia de comunicación e relacións organizacionais, Esther Trujillo, dentro do ciclo de conferencias ‘En Código Aberto’.
Esther Trujillo, especializada en Responsabilidade Social Corporativa (RSC) en Harvard Business School e ESADE-Stanford, ocupou cargos directivos vinculados á responsabilidade social en empresas como Meliá Hotels International e o Grupo Telefónica.
Na súa intervención no ciclo de conferencias ‘En Código Aberto’, baixo o título ‘Responsabilidade social: leccións apresas’, Trujillo fixo fincapé na idea de que “a RSC implica mirar ao redor e contrastar que se necesita por parte dos grupos de interese”. “Hai que dialogar con eles de maneira humilde -engadiu-. Logo hai que facer unha integración interna para definir límites, integrar sistemas e facer vixilancia”.
Para conseguir os obxectivos marcados no ámbito da responsabilidade social, a conferenciante afirmou que “a RSC precisa reflexión e capacidade” e que “a comunicación pode matar á RSC, porque só se pode dicir o que se fixo, non o que se vai a facer”. “Hai que evitar as maquillaxes e a saturación”, indicou.
A inauguración do curso académico 2015-2016, que tivo lugar no salón de graos da Facultade de Economía e Empresa, contou tamén coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín; o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo Silvosa; e a directora da Cátedra Inditex-UDC, Marta Rey García.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, manifestou que esta Cátedra “ofrece desde a súa creación un espazo de formación especializada, de calidade acreditada, en materia de responsabilidade e innovación social”.
Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, asegurou que a RSC “é o gran instrumento de corrección dos excesos da economía, é un traxe feito a medida” e que, por tanto, “as empresas necesitan profesionais nesta materia, porque queda moito por facer”.











