A banda xuvenil desmantelada en Vigo emulaba a bandas latinas violentas
A banda xuvenil violenta desmantelada en Vigo, que se facía chamar ‘Os Chukis’, trataba de “emular no seu comportamento delituoso ás bandas latinas”, e se identificaban con simboloxía, tatuaxes e vestimenta propios, segundo explicou este venres a Garda Civil.
O coronel xefe da Comandancia de Pontevedra, Miguel Estévez Lara, e o subdelegado do Goberno na provincia, Antonio Coello, compareceron en rolda de prensa para dar detalles acerca da Operación Chuki, desenvolvida por efectivos da Garda Civil, e que culminou o xoves coa detención de 12 mozos en Vigo, tres de eles menores de idade, e o resto, de entre 18 e 25 anos.
Os dous líderes da banda, un rapaz brasileiro (H-L-.S-M., de 20 anos de idade) e un boliviano (N.J.R.C., de 18 anos) pasaron este venres a disposición do xulgado de instrución número 5 de Vigo, que decretou a súa posta en liberdade e impúxolles unha orde de afastamento da discoteca de Nigrán onde adoitaban actuar. O resto de detidos quedaron en liberdade con cargos en sede policial, á espera de ser requiridos polo xulgado, e a todos se lles investiga por un suposto delito de pertenza a grupo criminal e lesións.
Miguel Estévez explicou que o obxectivo destes mozos era o de “impoñer a súa lei, tanto en espazos privados como discotecas, coma na rúa”, e para iso alteraban a orde pública e provocaban agresións, “na maior parte dos casos, sen motivo aparente, coa única finalidade de sementar o medo e o respecto entre os demais mozos”.
A investigación da Garda Civil foi “intensiva” durante os últimos “catro ou cinco” meses e incluíu a “monitorización” da actividade de Os Chukis por redes sociais e mensaxes a teléfonos móbiles para facer estas “quedadas”. Os axentes comprobaron que estes mozos saían de casa “desmadrar” e cometían numerosos actos violentos.
INCIDENTES
A Benemérita informou de que, en relación coas súas actuacións delituosas, se tramitaron 11 atestados por lesións, roubos con violencia, furtos, desobediencia, rifa tumultuaria, etc. Tamén se tramitaron 70 denuncias administrativas por alteración da orde pública e consumo de estupefacientes, entre outros.
Así mesmo, apuntou que a actuación deste grupo supoñía un “serio problema de seguridade cidadá” e que xeraran “unha grande alarma social”. De feito, identificouse a un total de 41 mozos, e moitos deles teñen “un amplo historial de antecedentes delituosos”.
A ‘Operación Chuki’ segue aberta e non se descartan novas identificacións ou detencións. Así mesmo, investígase a posible vinculación deste grupo con outras “bandas afíns” como os ‘Urban’.











