A Asociación Ve-la Luz esixe un centro de información á muller na montaña de Lugo tras o crime de Becerreá
A Asociación Ve-la Luz, dedicada ao apoio de menores e mulleres vítimas de violencia de xénero, esixiu este luns a posta en marcha dun centro de información “itinerante” para a muller na montaña de Lugo, logo do asasinato o pasado 11 de febreiro dunha muller en Becerreá a mans do seu marido.
A presidenta de Ve-la Luz, Gloria Vázquez, denunciou que, en toda esa zona, “non hai ningún centro que axude ás vítimas” de violencia de xénero e lembrou que a muller asasinada en Becerreá tivo que acudir á casa da muller da capital provincial.
Por iso, reclamou que se impulse un centro de información itinerante para zonas de difícil acceso”, como é a montaña da provincia de Lugo. “É unha proposta pioneira que se pode levar a outras zonas na mesma situación”, apostilou.
Gloria Vázquez criticou que, no caso da muller asasinada en Becerreá, “non é que pedise axuda”, xa que acudiu á Casa da Muller de Lugo o mesmo día do crime, “senón que a gritou e suplicouna e atopouse ao longo da súa saída do círculo da violencia de xénero cunha chea de portas pechadas”.
FILLOS
En canto aos dous fillos da muller, que convivían tamén co presunto asasino nunha parroquia de Becerreá, dixo que se atopan perfectamente” e “están a ser atendidos pola irmá” da vítima.
“Desde o primeiro momento tiveron axuda psicolóxica, tanto eles como os familiares, e agora están nun programa específico de violencia de xénero, que é un acordo que ten o colexio de psicólogos coa Xunta de Galicia”, destacou.