A Alfombra Máxica chega a Ourense este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

Un prelibro onde convidar aos bebés a mergullarse nunha viaxe sensorial sen igual. Iso é “A alfombra máxica”, unha actividade conducida pola actriz e artista plástica vasca Mirari Urruzola, que este venres, 5 de febreiro, chegará ao Auditorio Municipal de Ourense. Urruzola desenvolverá na capital das Burgas dous pases de “A alfombra máxica” dirixido a bebés de ata 3 anos.

Un pase será ás 17 horas e outro ás 18 horas. Ambos os dous no Auditorio. Trátase dunha proposta perfecta para os máis peques da casa, xa que nela se configura un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfativa. A través dela, e conducidos por Mirari Urruzola, as nenas e nenos descubirán o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, ulir,…

En definitiva, unha invitación a xogar, explorar, experimentar con todo o corpo. Xogos, música e outras sorpresas viaxarán, durante a media hora que dura a actividades, coas crianzas e coas persoas adultas que as acompañen por un mundo de emocións e sensacións sen igual. As entradas, a 3 euros, poden adquirirse por adiantado, se así se desexa, en ataquilla.com ou directamente o venres antes de cada pase na taquilla do Auditorio. Mirari Urruzola ten ás súas costas máis de 20 anos de traxectoria profesional no mundo infantil e é ademais integrante da compañía de títeres Babaluva.

4 de febreiro de 2016 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.