A AECC dará apoio a Povisa na atención psicosocial aos enfermos
O conselleiro delegado de Povisa, José Bernardo Silveira, e a presidenta da Xunta Provincial de Pontevedra da Asociación Española Contra o Cancro –AECC-, Josefa Crespo, asinaron un convenio esta mañá polo que ambas as entidades se comprometen a colaborar no ámbito da axuda psicosocial aos pacientes que padezan esta enfermidade nun estadio avanzado.
En virtude deste acordo, un equipo de atención psicosocial da AECC actuará como unidade de apoio aos profesionais do hospital especializados en coidados paliativos a enfermos de cancro. Este traballo forma parte do Programa de atención integral a persoas con enfermidades avanzadas da Obra Social La Caixa, cuxa implementación en Galicia foi encomendada á AECC.
O obxectivo desta colaboración é contribuír a mellorar a calidade de vida dos enfermos de cancro, complementando a atención sanitaria que actualmente ofrecen os especialistas en coidados paliativos do hospital con apoio social, espiritual e emocional, así como apoio ás familias e aos propios profesionais sanitarios. A AECC colaborará tamén con Povisa na selección e formación de voluntarios en habilidades de acompañamento en final de vida, e comprométese a manter os parámetros de excelencia na calidade asistencial propios do hospital.











