publicidade hoxe

Xunta e concellos da área de Ourense avanzan nas negociacións do convenio do Plan de Transporte Metropolitano

A Xunta e os concellos da área de Ourense avanzan nas negociacións do convenio do Plan de Transporte Metropolitano co obxectivo de poñelo en marcha no verán. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos 8 concellos que formarán parte do Plan de Transporte Metropolitano de Ourense e entregoulles o borrador do convenio para que inicien a tramitación municipal o antes posible. Nesta reunión tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas.

Cómpre lembrar que os municipios que integran a Área do Transporte Metropolitano de Ourense son Coles, San Cibrao das Viñas, Punxín, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Toén e Amoeiro.

Neste borrador de convenio articularanse as bonificacións das tarifas, sendo o máis relevante do texto as cifras que cada concello deberá orzamentar para este Plan. Os cálculos fixéronse en base ao estudo do transporte interurbano da comarca: máis de medio millón de desprazamentos analizados aos que habería que engadir os do transporte urbano.

Ethel Vázquez explicou que se prevé a necesidade de investir no Plan máis de 300.000 euros cada ano, dos que o 82% serán aportados pola Xunta de Galicia.

As bonificacións que ofrece este Plan permitirán que os veciños da área que empregan o autobús habitualmente teñan aforros medios de 600 euros ao ano. Se fan máis de 40 viaxes ao mes, máis barato e se son familias numerosas, increméntase o desconto. A isto pódense engadir as bonificacións sociais que os seus concellos desexen.

A conselleira puxo como exemplo a un veciño de Ourense que se desprace ao polígono de San Cibrao das Viñas para traballar cada día no bus urbano e interurbano, que pasará de pagar preto de dous euros e medio a só 0,72 euros do interurbano e o urbano é bonificado pola Xunta de Galicia, supoñendo un aforro anual de 840 euros.

Vázquez indicou que de xeito complementario á bonificación de tarifas, dende a Xunta continúase traballando noutros eidos de mellora como son a optimización das rutas e da penetración dos autobuses interurbanos, eliminando a necesidade de transbordos; o incremento da oferta e dos horarios; e a modernización dos sistemas de información ao viaxeiro e das infraestruturas.

Trátase dun plan integral de potenciación do transporte público de Ourense que suporá para os veciños beneficios sociais, medioambientais e económicos.

22 de xaneiro de 2016 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.