Xulio Ferreiro lamenta que En Marea non teña grupo
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou este mércores que a integración de En Marea no grupo plurinacional de Podemos non é “o sistema perfecto” e lamentou que a coalición non vaia contar con grupo propio no Congreso pola decisión do PSOE de “bloquear” á que constitúe “a alternativa ao Goberno do PP en Galicia”.
En declaracións ao ‘Programa de Ana Rosa’, o alcalde herculino admitiu que a decisión de integrarse no grupo plurinacional de Podemos non é a que se buscaba dende En Marea, que pretendía “ter ese grupo parlamentario propio”. “Legalmente correspondíanos”, dixo Ferreiro, que destacou a “entidade política diferenciada” de En Marea “con respecto ao outro grupo”.
Desta situación, Xulio Ferreiro culpou o Partido Socialista, que está “máis preocupado por bloquear unha forza que nestes momentos é alternativa ao Goberno do PP en Galicia” que nos “intereses da cidadanía”. “O partido socialista non entendeu a realidade plurinacional do Estado español”, dixo Ferreiro, que afeou o PSOE que realice un “bloqueo inxustificado e contrario ao regulamento” tomando “decisións en clave interna”.
Non obstante, o alcalde da Marea Atlántica non pechou a porta a un pacto para investir a Pedro Sánchez como presidente do Goberno. “Os españois votaron claramente contra as políticas do Partido Popular e as forzas que se opoñen a iso teñen que intentar chegar a un acordo”, resumiu.
FUNCIONAMENTO DO GRUPO
Sobre o funcionamento do grupo plurinacional de Podemos, Xulio Ferreiro descartou que esta diferenza de orientacións vaia ser un “problema”, ao tempo que recordou que “a pluralidade existe” tamén “nos partidos que se presentan como monolíticos”. “Dende a diferenza respectámonos e podemos chegar a posicións comúns sobre temas que nos importan”, resolveu.
Finalmente, evitou pronunciarse sobre se apoiaría a celebración dun referendo de autodeterminación en Galicia, alegando que “nestes momentos ese non é o debate” na Comunidade. Ferreiro explicou que está a favor do “dereito a decidir en todo, tamén na configuración territorial do Estado”, aínda que é necesario que cada territorio “actúe segundo as súas propias dinámicas” e non aplique “mimeticamente o que pasa” en Cataluña”.











