Villanueva vincula a liorta en Santiago entre clans xitanos cun conflito familiar
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, vinculou cun “conflito estritamente familiar” a liorta con tiros que se produciu o sábado pola tarde en Santiago de Compostela entre clans xitanos.
En declaracións aos xornalistas, rexeitou que o conflito garde relación con outros vinculados cos postos de venda nos mercados. “É un conflito familiar que viña xa dun tema duns días”, recalcou.
Ademais, dixo que o sábado se produciu “o detonante” polo conflito entre “dúas familias”. Mentres, ratificou que se produciron tres detencións por estes feitos.
Preguntado se se intensificará a vixilancia no mercado de Salgueiriños, dixo que haberá as medidas que as forzas de seguridade “consideren oportunas”.
A liorta con tiros saldouse tamén con catro feridos leves nun suceso que aconteceu no ámbito do centro comercial Merkasia, situado no polígono comercial de Costa Vella en Santiago de Compostela.











