Vázquez Almuiña destaca o notable éxito do proxecto Biocaps

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Vázquez Almuiña no acto de clausura.

Vázquez Almuiña no acto de clausura.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu hoxe o acto de clausura da Conferencia Final do Proxecto Biocaps, acto no que estiveron presentes, así mesmo, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo; a coordinadora do Proxecto Biocaps, África González-Fernández; o director científico do IBI, José Ramón Fernández, e o xerente de Xestión Integrada, Félix Rubial.

O conselleiro destacou que o Proxecto Biocaps se ten levado adiante con notable éxito grazas ao traballo, ao esforzo e ao talento dos profesionais do Instituto de Investigación Biomédica, tanto os do Sergas como os da Universidade de Vigo. Mención especial tivo para o doutor José Ramón Fernández, director científico do Instituto, e para a profesora África González, coordinadora do Proxecto.

Biocaps (Biomedical Capacities Suport Program) vai servir para incrementar a cultura da innovación e a transferencia de tecnoloxía, convertindo ao Instituto nun actor clave na promoción da saúde, e trasladando os resultados de investigación á sociedade, por este motivo resulta fundamental a interacción con todos os axentes económicos do sistema galego, especialmente coas empresas.

Tal e como destacou o conselleiro, “podemos congratularnos da consecución dunha meta fundamental como é levar adiante un gran proxecto que consolida e internacionaliza este Instituto de Investigación Biomédica”. Trátase, dixo, “dun magnífico exemplo de como combinar tres grandes campos como son a docencia, a investigación e a innovación, e de como xestionar o coñecemento que temos no sistema sanitario e na universidade”.

Estabilización dos recursos humanos

No seu discurso, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego tamén destacou a recente posta en marcha da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, destinada ao fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Sergas así como á coordinación e o impulso da actividade innovadora. Ao respecto, dixo que “establecerase un marco para a estabilización de recursos humanos de investigación”, algo que considera prioritario.

A intención do conselleiro é, segundo remarcou, que o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo compita con éxito en España e en Europa. “Nesta institución conviven profesionais sanitarios e investigadores biomédicos tanto da Universidade de Vigo como do Sergas, buscando conxuntamente novos coñecementos dos que se benefician os nosos pacientes”. Grazas a eles, proseguiu, “a investigación biomédica galega alcanza un alto impacto científico, con recoñecemento internacional, e ten unha gran capacidade de captación de recursos e xeración de postos de traballo cualificado. Queremos, tamén, que no futuro o instituto consiga a súa acreditación por parte do Instituto de Saúde Carlos III, ao igual que os de Santiago e A Coruña, para iso, contaredes con todo o noso apoio institucional”, subliñou.

Vontade de colaboración entre Sergas e Universidade de Vigo
Outro fito fundamental é a posta en funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro, que é, Hospital Universitario. Así, a excelencia asistencial vai ineludiblemente ligada á capacidade investigadora, innovadora e docente dos centros, como o demostran os indicadores máis rigorosos. Neste campo, “o establecemento de alianzas estratéxicas entre o sistema sanitario e a universidade resulta, segundo o conselleiro, imprescindibles”. Ao respecto dixo que “a vontade de colaboración e a complicidade entre o Sergas e a Universidade de Vigo é clara, manifesta e plasmada documentalmente”.

“Queremos que os nosos profesionais poidan desenvolver unha investigación biosanitaria de calidade, como a que xa realizan”. Deste xeito, o incremento progresivo da investigación nos últimos anos no sur de Galicia levounos á conclusión de que era imprescindible a habilitación de laboratorios de uso común que permitan continuar co crecemento. Así, os laboratorios de investigación do Álvaro Cunqueiro comprenden unha superficie total de 1.649 m2. Na actualidade, segundo recordou o conselleiro, o Instituto, baixo a dirección científica de José Ramón Fernández Lorenzo, conta con 39 grupos de investigación. Deles, 22 son do Sergas, das xerencias de Vigo (18), Pontevedra (3) e Ourense (1); outros 16 da Universidade e un mixto. Estamos a falar, remarcou, de 507 profesionais entre investigadores clínicos, básicos e técnicos.

15 de xaneiro de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.