Unha trintena de operarios e 15 máquinas da Deputación de Lugo retiran neve da rede viaria provincial
A Deputación de Lugo mobilizou a un total de 30 operarios e a 15 máquinas para despexar de xeo e neve a rede viaria provincial e restablecer a normalidade na circulación da provincia, afectada polas baixas temperaturas.
Segundo explicou a institución provincial, polo momento non se rexistran cortes de estradas e a acumulación de xeo e neve oscila entre os 5 e os 10 centímetros. As máquinas que se están empregando son seis quitaneves, tres pick-up, tres tractores e tres vehículos de apoio con material mecánico.
Estes operarios traballan en estradas de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.











