Un xuíz da Audiencia Provincial inhibiuse na competencia para investigar a Besteiro por amizade con el

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo, Edgar Amando Fernández Cloos, inhibiuse na cuestión de competencia que a defensa do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, formulou sobre a instrutora do caso do Garañón, Pilar de Lara, para investigar o líder socialista. O motivo, como el mesmo formulou, é a súa “amizade” con el.

Esta abstención no procedemento foi aceptada pola Audiencia Provincial de Lugo en novembro do pasado ano, se ben non foi notificada ás partes comparecidas no caso ata esta xornada, como ordena unha dilixencia con data do martes.

No auto do 23 de novembro, a Audiencia Provincial sinala que, coa mesma data en que se notificou a cuestión de competencia formulada por Besteiro sobre De Lara, o maxistrado comunicou a súa abstención “baseándose en ter unha relación de amizade” co socialista. Aconteceu o día 19 de novembro.

Ao día seguinte, a Audiencia pediu tanto ao xulgado de instrución número dous da cidade amurallada coma á Fiscalía que presentasen informes sobre a competencia da xuíza e apenas un mes despois, o 16 de decembro, rexeitou a pretensión dos letrados de Besteiro de apartar a De Lara da causa na que está imputado polos supostos delitos de tráfico de influencias, suborno, prevaricación e contra a ordenación do territorio.

CONSECUENCIAS DA ANÁLISE DA COMPETENCIA

Precisamente, ese informe demandado polo alto tribunal lucense para dirimir a súa competencia foi aproveitado por De Lara para denunciar un intento de coacción de Cándido Conde-Pumpido Varela un ano e medio antes de facerse cargo da defensa de Besteiro.

A revelación da maxistrada de correspondencia electrónica persoal foi utilizada entón polo letrado para pedir a recusación da xuíza dada a súa “animadversión manifesta” cara a el, algo que xa foi rexeitado por De Lara e sobre o que aínda debe pronunciarse a Audiencia.

NOVA DOCUMENTACIÓN

Esta documentación coñécese con poucas horas de diferenza do escrito presentado ante De Lara pola defensa de Besteiro para pedir a nulidade da comparecencia do socialista o pasado día 12 por entender que o seu dereito á defensa fora vulnerado.

Ese día, Besteiro acudiu aos xulgados de Lugo a prestar declaración ante a maxistrada sen os seus avogados, Cándido Conde-Pumpido Varela e Javier Sánchez-Vera, que se atopaban nun xuízo en Málaga. Precisamente por ese motivo pediran o aprazamento do seu testemuño, algo ao que De Lara se negou por entender que se trataba “dunha manobra fraudulenta” encamiñada a “dilatar” o proceso.

Nese escenario, o líder dos socialistas galegos negouse a declarar, argumentando que sentía “condicionado” o seu dereito á defensa, e pediu poder acudir outro día ao xulgado para aclarar os extremos que se lle requirisen, pero, iso si, coa asistencia dos seus letrados.

20 de xaneiro de 2016 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.