Un total de 25 empresas presentan as ofertas para executar a senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra-A Lanzada
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, adxudicará o vindeiro mes de marzo as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, o que tamén suporá a creación de 167 prazas de aparcadoiro. Así, tras o remate de presentación de ofertas, son vinte e cinco as empresas que optan á construción desta infraestrutura.
O Executivo autonómico financia este proxecto, que terá un prazo de execución de 15 meses, mediante a achega económica de preto de 3,2 millóns de euros, co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Estas obras realizaranse minimizando o impacto sobre o tráfico no verán, período no que este municipio ten unha elevada afluencia de visitantes.
O propósito fundamental da actuación é o de fomentar un tránsito peonil e ciclista nesta estrada, que se encadra dentro da rede primaria complementaria da Xunta de Galicia. Posibilitarase o acceso mediante estas alternativas de mobilidade sostible a praias como A Lanzada, ao espazo natural do complexo intermareal Umia-O Grove ou ao xacemento arqueolóxico de A Lanzada, nas condicións axeitadas de seguridade viaria.
Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, dende Soutullo (PK 25+200) á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada (PK 27+970).
Nese treito executarase unha senda para uso peonil e ciclista de mellora da seguridade viaria para compatibilizar o tráfico rodado con estes outros medios de transporte. Actuarase en especial nas interseccións, habilitando puntos nos que se permita o cambio de sentido; construíndose unha glorieta no PK 25+260, na zona da praia de Portomouro; e habilitando e ordenando zonas de aparcadoiro, tal como se citou.
A Xunta, mediante este proxecto, dá resposta a unha demanda solicitada polos veciños da zona, mantendo así o seu compromiso co medio ambiente e a seguridade viaria. Neste sentido, incrementarase a calidade de vida dos cidadáns impulsando o desenvolvemento económico e social deste concello pontevedrés. Cabe citar que estas obras, unha vez finalizadas, beneficiarán máis de 17.600 habitantes do concello de Sanxenxo, e aos seus visitantes.











