Trece deputados votan en contra das reivindicacións da mesa intersindical dos bombeiros de Galicia
13 Deputados provinciais votaron este martes en contra das reivindicacións da Mesa Intersindical dos Bombeiros de Galicia, que reclaman a homoxeneización das súas condicións laborais e a mellora do servizo prestado á cidadanía a través dunha xestión pública directa.
A proposta que o equipo de Goberno levou ao Pleno recollía as peticións dos profesionais de emerxencias, cos que se reuniu esta semana o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde. Os bombeiros de Lugo agradeceron ao Goberno Provincial que atendera e recollera as súas demandas mediante esta iniciativa.
O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que “os bombeiros galegos non demandan subidas salariais senón a homoxeneización da profesión, xa que o colectivo está sometido aos vaivéns laborais e operativos das empresas privadas concesionarias, sen un texto legal no que se regule o seu traballo e que resulta fundamental non só para clarificar aspectos referidos aos dereitos e deberes que como traballadores, senón que, cunha normativa e regulación clara quedarían definidos aspectos como a coordinación entre parques, as capacidades operativas propias, o modelo de resposta ante incidentes de diferente índole…”.
A proposta do Goberno presentada incluía: instaurar o modelo de xestión directa nos Consorcios de Bombeiros de Galicia, instar á Xunta a crear o Corpo de Bombeiros de Galicia, no que se integren, como traballadores públicos, cando menos, os profesionais que presten o seu servizo nos diferentes parques comarcais e solicitar a elaboración urxente do Regulamento do Bombeiro Profesional recollido na Lei de Emerxencias de Galicia (5/2007).
Dita proposta supón un paso máis cara a consecución dunha xestión directa que converta aos profesionais dos parques de bombeiros comarcais en empregados públicos, cos mesmos dereitos e deberes que os seus compañeiros dos parques municipais. Tal como lembrou Santos Ramos, “a Mesa Intersindical dos Bombeiros de Galicia vén denunciando reiteradamente o incumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia na que se establecía a creación dun Regulamento do bombeiro profesional, regulamento que nunca quixo impulsar o Goberno do Sr. Feijoó”.
Recentemente, e por primeira vez desde que foron creados, a Xunta aceptou estudar un cambio no modelo dos parques comarcais de bombeiros trala proposta realizada a pasada semana polos Presidentes das Deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo ao Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O Goberno provincial de Lugo, que traballa na elaboración dun informe técnico e xurídico que avalíe esta opción, mantén mediante esta proposta a súa firme vontade de camiñar cara un modelo de xestión directa que garanta a calidade do servizo e os dereitos dos traballadores e termine coa xestión privada dos 24 parques comarcais que hai na actualidade en Galicia, dos que seis están en Lugo.
Ademais, a Deputación de Lugo asume o seu compromiso de seguir asumindo o 50% do financiamento do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, ao que serán imputables os custes de persoal dos bombeiros que presten servizo no mesmo, en caso de materializarse a reivindicación de que sexan empregados públicos da Administración Autonómica.











