Traballos de adecuación no enlousado das beiravías lalinenses

Reposición do enlousado
O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, visitou xunto co encargado da Brigada, Ramón Galego, as actuacións de adecuación que se están a realizar nas beiravías da rúa Luís González Taboada.
Os traballos consisten na mellora integral do enlousado deteriorado desta zona. Detectáronse nestas beirarrúas un bo número de baldosas de granito desgastadas, con buracos e quebradas, o que ademais de ser unha molestia, chegou a converterse nun perigo para a integridade dos viandantes. Así, cada sillar en mal estado está sensdo retirado e substituído por outro novo do mesmo tipo. As obras de reposición teñen un custe moi baixo e estarán rematadas entre hoxe e mañá.
Vilariño sinalou que “con esta actuación se da resposta a unha demanda da cidadanía, xa que serve para garantir o benestar e o confort das veciñas e veciños que cada día circulan por esta rúa”, unha das máis céntricas e transitadas da vila. O edil adiantou que nos próximos días se anunciarán novas tarefas similares noutros puntos do casco urbano.











