Soutolongo faise coa primeira edición do premio Aldea Singular
A primeira edición dos premios Aldea Singular xa ten gañador: a proposta presentada pola parroquia de Soutolongo vén de facerse esta tarde co galardón que instaurou o Goberno de Lalín para recoñecer a aquela aldea ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural ou de integración veciñal.
O equilibrio entre enormes méritos arquitectónicos e etnográficos da proposta de Soutolongo é, precisamente, é un dos principais aspectos que salienta o xurado. A maiores, o tribunal encargado de avaliar as cinco propostas presentadas a esta primeira edición do premio Aldea Singular tamén fai fincapé na enorme concreción da iniciativa gañadora en canto aos entornos que se queren recuperar e á súa potenciación dos recursos cos que conta na actualidade. Por outra banda, o xurado tamén resalta que o núcleo de Vistalegre, como elemento referencial da candidatura, presenta unhas características harmónicas, equilibradas e homoxéneas.
O xurado tomou a decisión de premiar por unanimidade a proposta presentada pola parroquia de Soutolongo tras varias horas de deliberación. En todo caso, a enorme calidade das iniciativas presentadas fixo que esta fose unha elección moi complexa e difícil, o que incluso provocou que, tras unha primeira revisión das candidaturas, se fixese necesario pedir documentación complementaria para poder valorar de maneira máis exhaustiva algunhas das propostas.
Tras dar a coñecer o seu fallo, os membros do xurado tamén quixeron facer explícito o seu recoñecemento ao elevado nivel do conxunto das candidaturas presentadas, nas que se fan patentes compoñentes moi interesantes e que tamén serían merecedores deste galardón. O xurado agradece o esforzo das veciñas e veciños que dedicaron parte do seu tempo nos últimos meses para presentar estes proxectos e anímaos a seguir traballando de cara a futuras edicións do premio Aldea Singular. Neste sentido, o tribunal aprecia nas candidaturas presentadas algunhas iniciativas de recuperación que merecen ser tidas en conta e que o Goberno local considera que son viables e necesarias para avanzar nunha das prioridades para este mandato: a recuperación e posta en valor do rural do municipio de Lalín.
O premio Aldea Singular, que puxo en marcha o Goberno local para substituír á Encomenda do Cocido, está dotado cun premio de 15.000 euros para a candidatura gañadora. A proposta gañadora, neste caso a presentada por Soutolongo, deberá investir o importe do premio en actuacións que redunden beneficiosamente ao conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. Así, os investimentos debían estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público ou aforro enerxético, melloras e/ou construcións de saneamentos, canalizacións etc.
O xurado que valorou os proxectos presentados estivo conformado polo alcalde de Lalín, así como os concelleiros delegados de Urbanismo, Facenda, Rural, Cultura, ademais de por un técnico de urbanismo, un experto en arquitectura e urbanismo, un experto medio ambiental e un artista de relevancia cultural. Este tribunal valorou a conservación urbanística e arquitectónica de cada candidatura, a súa integración na paisaxe e o coidado dos seus valores naturais, sen esquecerse da súa actividade sociocultural e do proxecto de actuacións presentado.
O premio Aldea Singular está recollido no pacto de goberno dentro das medidas de promoción e recuperación do rural, unha das prioridades que se marcou o executivo para este mandato. Así mesmo, este recoñecemento encáixase nas actividades relacionadas coa Feira do Cocido, de modo que tamén se contribúe a impulsar o festexo gastronómica. O Goberno local quere expresar o seu agradecemento polo esforzo e a colaboración de todas as parroquias que participan na primeira edición dos premios Aldea Singular, tendo en conta o pouco tempo que houbo para organizalos e as dificultades que atesouran sempre as primeiras veces. A intención do executivo e consolidar e reforzar estes recoñecementos de cara a próximas edicións, como exemplo de aposta do Concello para que o rural de Lalín sexa vivo, dinámico e exemplar.











