Salvamento Marítimo suspende o operativo de procura do xoven desaparecido en Ferrol
Salvamento Marítimo suspendeu o operativo de procura do mozo desparecido este sábado en Ferrol, cando caeu ao mar mentres recollía percebes en compañía dun familiar. Os labores continúanse por terra nas horas de baixamar.
Segundo confirmou o coordinador de seguridade do Concello de Ferrol, Santiago Troitiño, Salvamento Marítimo deu a orde de suspender este martes os labores de procura, cumpridas tres xornadas sen ningún rastro.
No entanto, ata que o despregamento se renove ao cumprirse o noveno día desde a desaparición, efectivos de emerxencias realizan rastreos xornais por terra nas horas de baixamar. En concreto, ás 10,00 horas deste martes buscou unha dotación dos Bombeiros, mentres que ás 16.00 horas tomará a substitución Protección Civil.
Estes labores por terra realízanse nas zonas nas que despareció o home e nas praias e áreas ás que a marea adoita levar os obxectos caídos ao mar.
Por outra banda, os mergulladores da Garda Civil, que non puideron aínda actuar polo mal estado do mar, están á espera de que as condicións permitan facer unha inmersión.











