Rosendo Fernández participa na reunión da Federación de municipios con centrais hidroeléctricas e encoros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Rosendo Fernández na reunión da Federación de Municipios con centrais hidroeléctricas

Rosendo Fernández na reunión da Federación de Municipios con centrais hidroeléctricas

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe en Madrid na reunión da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, que ven traballando dende hai anos na defensa dos intereses destes concellos fronte ás grandes multinacionais e empresas hidroeléctricas, centrando o seu labor en axudar aos pequenos concellos que teñen carencias en materia de asesoramento xurídico e xestión fiscal.

Rosendo Fernández asistiu á Comisión Executiva Extraordinaria e á VIII Asemblea Xeral da Federación, figurando na orde do día a renovación dos cargos e órganos de dirección polo que se elixiron os membros da Comisión Executiva e do Consello Permanente. Asemade, os participantes asistiron a un relatorio sobre xestión dos fondos estruturais europeos e a posibilidade de acceder aos mesmos por parte dos pequenos municipios.

Na reunión elexiuse ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, como membro da Comisión Executiva, e da Comisión Permanente formarán parte xunto coa Deputación de Ourense os concellos de Cenlle, Muiños, Nogueira e Lobeira.

A provincia de Ourense conta con 43 concellos afectados por presas e encoros, e deles, 19 contan con centrais hidroeléctricas, sendo 23 o total de presas e encoros na provincia de Ourense.

27 de xaneiro de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.