Rey Varela amosa o seu compromiso cos enfermos de alzheimer na visita realizada ao centro de día xestionado por AFALU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Rey Varela na visita ao centro

Rey Varela na visita ao centro

O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as instalacións do Centro de día de Alzheimer de Lugo, xestionado pola Asociación de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU), acompañado pola directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, e da delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia lucense, Raquel Arias Rodríguez. Rey Varela aproveitou a visita a este centro para manter un encontro de traballo co equipo directivo de AFALU e, deste xeito, coñeceron en primeira persoa a labor que realizan no ámbito de atención aos enfermos de Alzheimer e outras demencias.

Trala visita ao centro, o titular da carteira de Política Social reiterou o firme compromiso da súa área e do Goberno galego para garantir os dereitos e a atención das persoas en situación de dependencia. Deste xeito este ano destinaranse máis de 324 millóns de euros a esta fin. Rey Varela lembrou que entre o ano 2009 e o 2015, as prazas en centros de día para persoas con Alzheimer e outras demencias se incrementaron nun 77%, ao tempo que declarou que Galicia conta cunha estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia. A concienciación social en relación coa adopción de hábitos de vida saudables, o aumento da esperanza de vida libre de dependencia e a mellora da calidade de vida das persoas que se atopan xa nunha situación de dependencia son os obxectivos da estratexia, e o que marca a folla de ruta das políticas de prevención e promoción da autonomía persoal nos próximos anos.

Tanto a creación de novos recursos para o colectivo de alzheimer polo goberno galego, como a aposta pola creación dunha carteira de servizos específica, ao abeiro da cal, en 2016 se porán en marcha en Galicia 5 novos servizos de atención diúrna terapéutica de media estancia, un deles na provincia de Lugo, con 12 prazas cada unha, reafirman e afianzan o compromiso deste Goberno coas persoas diagnosticadas desta enfermidade, destacou esta mañá José Manuel Rey Varela. Nesta liña, o conselleiro de Política Social lembrou que o 2016 será o ano no que se incorporen 10.000 novos dependentes ao sistema galego. E, ao fío, insistiu en que a aposta do Executivo autonómico con estas doenzas traducirase tamén mediante a sinatura dun convenio coa Federación de asociacións galegas de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias (FAGAL) que triplicará os fondos reservados no anterior exercicio e que permitirá dar un mellor servizo centralizado para todas aquelas persoas que padecen alzheimer na Comunidade galega.

Asociación de Enfermos de Alzheimer de Lugo

AFALU creouse no ano 2002 e xestiona o Centro de día desde marzo do ano 2010. Os obxetivos das Asociacións de familiares de Alzhéimer son informar, formar e axudar aos afectados e afectadas polo Alzheimer a través da promoción de actuacións e programas destinados a mellorar a situación das familias e ofrecer atención aos enfermos.Tamén se levan a cabo actividades de sensibilización social e exercen a función de voceiros do conxunto de familiares na defensa dos seus dereitos.
Cabe destacar a xestión que están a realizar estas asociacións nos centros públicos nos que resultan adxudicatarias.

A Consellería de Política Social ten asinado un contrato de xestión do servizo público con AFALU, que supera os 225.000 euros no ano 2016. A Xunta de Galicia vén colaborando con esta entidade dende 2009, contribuíndo así ao financiamento dos servizos e iniciativas que se levan a cabo no centro.

25 de xaneiro de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.