Raquel Arias ve positivo o fin da tractorada e insta aos gandeiros a seguir unidos
A delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, valorou este xoves “positivamente” o fin da tractorada de Agromuralla, que retirarán este venres uns 300 vehículos agrarios da Rolda da Muralla na que levan dende o 10 de decembro.
Tras presentar en rolda de prensa as liñas de axudas a empresas da Consellería de Economía, Arias defendeu que a Xunta está “ao lado dos gandeiros” se ben advertiu de que os avances han de conseguirse “a través das negociacións”.
Así mesmo, insta os produtores lácteos a “seguir unidos” para fortalecer o sector e mellorar a súa posición nas negociacións con industria e distribución.
Ademais, garante que a Xunta de Galicia está a actuar como intermediaria ante o Ministerio de Agricultura “para que se leven a cabo medidas para facer cumprir o pacto lácteo”.
Finalmente, Arias incidiu en que o organismo autonómico instou a “axilizar a publicación do decreto de prezos de cesión e a aprobar o contrato tipo”. Ademais, avanzou que a próxima semana recibirán o texto do real decreto de primeiros compradores para “poder avalialo”.











