Presentaadas 17 propostas para a redacción do proxecto de 40 vivendas de promoción pública no Parque Ofimático da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un total de dezasete propostas foron presentadas para a redacción dos proxectos básicos e de execución, así como a dirección de obra, das 40 vivendas de promoción pública que a Xunta construirá no Parque Ofimático da Coruña. O pasado mes de novembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a licitación da redacción de proxectos, por importe de 193.488,71 euros.

O Goberno galego comezará este ano a construción de 40 vivendas de promoción pública na parcela Z-11, sector 10, do parque Ofimático da Coruña cuxa redacción de proxecto se adxudicará proximamente.

As vivendas de promoción pública construiranse nunha parcela do Parque Ofimático propiedade da Xunta e posteriormente serán adxudicadas entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes. O proceso de selección de adxudicatarios anunciarase oportunamente, e iniciarase cando as vivendas se atopen xa en avanzado proceso de construción.

Os inmobles que se adxudiquen en réxime de alugueiro pasarán a integrar o parque público de vivenda en aluguer, que actualmente está composto por preto de 3.000 vivendas propiedade do Executivo autonómico adxudicadas en dito réxime.

A construción de 40 vivendas de promoción pública no Parque Ofimático da Coruña suporá un investimento total de 3,4 millóns de euros, dos que 1,04 millóns de euros xa están incluídos no orzamento do IGVS para 2016.

21 de xaneiro de 2016 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.