Política Social escoita as peticións do colectivo de Enfermos Mentais da área da Coruña través de APEM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo un encontro esta tarde coa Asociación Pro Enfermos Mentais da área da Coruña (APEM). No encontro, a súa presidenta, Antonia Pérez Amieiro, deu a coñecer a Rey Varela os servizos e programas que desenvolve a entidade, ao tempo que ambas partes tenderon a man á posibilidade de abrir novas liñas de colaboración. A cita, na que participou tamén a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, forma parte da rolda de entrevistas que o titular da carteira de Política Social está a manter coas entidades, organizacións e axentes de Galicia que levan a cabo a súa actividade no ámbito dos servizos sociais.

APEM foi creada no ano 1980 e o seu obxectivo prioritario é acadar e manter as máis altas cotas de calidade na prestación de servizos aos usuarios. O ámbito de actuación de APEM é provincial, abarcando as zonas de A Coruña, As Mariñas, Bergantiños, comarca de Betanzos e Soneira- Fisterra.

No ámbito de posibles futuras colaboracións, o titular autonómico salientou que un dos obxectivos fundamentais desde o Goberno galego é sensibilizar, concienciar e informar á cidadanía sobre a importancia de conseguir, entre todos, a integración na sociedade das persoas con enfermidades mentais. Rey Varela valorou moi positivamente a labor da APEM na mellora da calidade de vida deste colectivo. No pasado ano 2015, a Asociación Pro Enfermos Mentais contou con máis de 19.000 euros de axuda procedentes da Dirección Xeral de Inclusión Social e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Carteira específica para enfermidade mental

Por primeira vez en Galicia, estase a abordar a discapacidade e/ou dependencia que xera a enfermidade mental. Este feito reflíctese na inclusión dunha carteira específica para enfermidade mental na carteira de servizos para a atención á dependencia e promoción da autonomía, en vigor dende o ano 2013. Deste xeito, desde a Consellería de Política Social, se ofrecen 33 prazas públicas de atención diúrna ocupacional de media estancia nos concellos de Narón, Noia, Santiago e Redondela.

21 de xaneiro de 2016 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.