‘Participadoiro’ dirixido á mocidade da Coruña
A Concellería de Participación e Innovación Democrática avanza no segundo proceso participativo posto en marcha polo Goberno local no marco de A Porta Aberta, e dirixido especificamente á mocidade, con dous encontros presenciais abertos que terán lugar os sábados 23 e 30 deste mes, entre as 16.00 e as 20.00 horas, no Espazo de Iniciativas Xuvenís, EIX, (rúa do Matadero, 68, baixo). Con eles ábrese o ‘Participadoiro’ que o Goberno local impulsa dentro deste proceso, co obxectivo, tal e como indica a responsable municipal desta área, Claudia Delso, de “crear unha canle de comunicación directa entre o Concello, as entidades xuvenís e os mozos e mozas da cidade, facendo que pasen a ser as protagonistas da procura e o deseño de solucións para as súas propias situacións”. As persoas e entidades destinatarias son as asociacións xuvenís ou que prestan servizo á mocidade, así como colectivos informais e mozos e mozas que teñan interese no contido do encontro.
A concelleira marca como punto de partida para estas dúas xuntanzas as ideas e inquedanzas recollidas na primeira toma de contacto co tecido asociativo xuvenil, no encontro que tivo lugar o 3 de decembro, no que participaron un total de 28 persoas e no que estiveron representadas 14 entidades relacionadas coa xuventude: formación, participación, espazos, mobilidade, visibilidade, empoderamento, interactividade e difusión. “Sobre esta base, os encontros abrirán un espazo de oportunidade no que pensaremos colectivamente sobre os potenciais usos dun espazo como o EIX, no que terá lugar o Participadoiro”, exemplifica a responsable municipal de Participación e Innovación Democrática.
Con este obxectivo, desde a concellaría convida a toda a mocidade –organizada ou non– a participar nuns encontros concebidos como xornadas de participación activa, espazos de indagación desde os que promover a reflexión colectiva entre os e as participantes a partir das experiencias individuais. Para participar, as persoas interesadas deberán inscribirse a través da web www.coruna.es/participacion ou do teléfono de atención cidadá 010.











