Ourense preséntase en Fitur como destino turístico dentro da Vía da Prata – Camiño Mozárabe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense amósase no escaparate da Feira Internacional de Turismo Fitur, que comezou hoxe en Madrid, cunha oferta que destaca as grandes potencialidades turísticas da cidade: a auga, o patrimonio artístico e a gastronomía, pero facendo especial incidencia no seu posicionamento na Vía da Prata – Camiño Mozárabe e, igualmente, amosando as singularidades da nosa cidade como capital do Entroido galego. O departamento de Turismo ten un espazo propio dentro do expositor da Axencia de Turismo de Galicia, case 1.000 metros cadrados de expositor, e aproveita a súa presenza en Madrid para participar en foros e reunións de traballo relacionados co termalismo.

Ourense concorre así potenciando a súa presenza na ruta xacobea do Camiño Mozárabe – Vía da Prata dentro do Ano Xubilar 2016. O pulo ao turismo de peregrinación será unha das claves deste ano, ao que se chega cun Plan Director do Camiño elaborado pola Axencia de Turismo de Galicia, e que establece unha folla de ruta a seguir ao longo do ano. O Concello de Ourense presentará o último material informativo deseñado especificamente para o peregrino que pasa por Ourense*, folletos elaborados desde a Concellería de Turismo co apoio da Asociación de Amigos da Vía da Prata en Ourense. Os materiais acompañan toda a renovación da sinalización referida ao Camiño que xa se iniciou (no Alto do Cumial e no límite do termo municipal) e se continuará durante todo o ano. De forma excepcional por ser ano xubilar, permanece aberta por vez primeira a Porta da Misericordia da Catedral de Ourense.

Outro dos puntais da oferta da cidade en Fitur será o Entroido, unha festividade esencialmente de rúa, e na que a Concellería de Cultura está traballando nunha oferta lúdica, con animacións e obradoiros polas tardes para os cativos. Xunto con estas actividades, Ourense convértese en capital do Entroido grazas á cultura festiva dos barrios da cidade: en Seixalbo, coa Paquita e o Nicanor, As Eiroás, coa súa tradicional Pita, e A Ponte, co Frei Canedo espallando o espírito do Entroido.

A Volta a España, que terá en Ourense o seu punto de saída -a segunda etapa sairá desde Outariz-, será outra das presentacións ás que asistirá a delegación ourensá en Fitur. Trátase dun evento de máxima difusión e amplo alcance internacional que Ourense deberá aproveitar para proxectar a súa mellor imaxe cara ao exterior.

Gastronomía

O Concello tamén participou hoxe na presentación do Salón Gastronómico ‘Xantar’, que se celebra en na nosa cidade do 3 ao 7 de febreiro. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que “acudimos a Xantar abandeirando un dos nosos maiores atractivos: #SaboresdeOurense, marca coa que queremos amosarlle ao mundo a calidade das nosas materias primas e a excelencia das elaboracións culinarias”. Así, o Concello levará un restaurante que ofrecerá unha selección dos pratos gañadores dos últimos concursos gastronómicos, unha mostra dos mellores caldos de Ourense e unha pulpeira que fará as delicias de todos os visitantes.

Mañá será a quenda da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar ‘Termatalia’ (Coahuila, México, do 29 de setembro ao 1 de outubro), á que o Concello acudirá coa marca Capital Termal.

Termalismo

No ámbito termal, o Concello de Ourense participará en reunións de traballo coa Sección de Vilas Termais da FEMP e con outras administracións e empresas turísticas aproveitando o contorno de traballo que ofrece Fitur. Pero non será a única cita da semana relacionada co tema: o xoves 21 de xaneiro, a concelleira Isabel Castelo asistirá en París ao comité executivo da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (coñecida coma EHTTA, polo seu acrónimo en inglés).

En decembro de 2009, a nosa cidade converteuse nunha das seis cidades fundadoras da EHTTA, primeiro e único órgano europeo que aglutina as cidades con patrimonio termal; unidas na defensa, salvagarda e posta en valor dos seus recursos ante a Unión Europea e o resto do mundo. Actualmente, a EHTTA conta xa con máis 25 cidades adheridas a esta rede que contribúe á construción de Europa a través dun nexo común, a auga, nunha aposta polo desenvolvemento turístico sustentable.

20 de xaneiro de 2016 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.