Os veciños do convento das Mercedarias móstranse sorprendidos e incrédulos pola investigación
A investigación activada por un Xulgado de Santiago, en colaboración coa Policía Nacional, para determinar se tres monxas de orixe india permaneceron retidas contra a súa vontade no convento de clausura das Mercedarias, na capital galega, foi recibida polos veciños compostelanos cunha mestura de “sorpresa” e “incredulidade”.
Así o transmitiron varios veciños deste convento, situado nunha zona céntrica de Compostela, mentres que as relixiosas, de acordo coa obriga que determina a condición de clausura, continúan coas súas actividades habituais dentro do recinto e no medio dunha grande expectación mediática.
Os numerosos xornalistas que, ao longo da mañá deste martes, se achegaron ao convento das Mercedarias atopáronse cun edificio o torno, polo que habitualmente as monxas se comunican co exterior, do cal, para entregar ou recoller produtos, permanece pechado dende primeira hora.
“Non sei nada; decátome agora que mo dis ti, pero chamoume a atención que estivese pechada porque sempre está aberto a esta hora”, explicou unha veciña da capital galega, habitual do convento, onde recolle ovos, tras atoparse sen poder acceder ao centro.
Si puido ser atendida nunha porta lateral do centro por un home que rexeitou atender os xornalistas ata en dúas ocasións, tamén cando despachou o carteiro. Previamente, do interior ata a porta de entrada saíra unha muller que instou os informadores a abandonar o recinto porque as relixiosas non ían facer “declaracións”.
Aínda que no convento prevalece o silencio, o Arcebispado de Santiago negou que as relixiosas orixinarias da India estivesen retidas neste lugar e aclarou que as mulleres iniciaran un proceso para deixar os hábitos.
Fontes do Arcebispado confirmaron que a congregación lles trasladou que as mulleres “non estaban retidas” no convento nin se produciran “coaccións”. A maiores, apuntan que tampouco se lles “retirara a documentación”.
“SON MOI BOA XENTE, DAN BOCADILLOS”
Ata o convento achegáronse este martes non só xornalistas, senón tamén turistas interesados en saber que acontecera, pero tampouco deixaron de ir veciños máis ou menos asiduos, algúns deles, necesitados aos que as monxas axudan proporcionándolles bocadillos e outros alimentos.
“Son moi boa xente, de verdade”, sinalou un dos homes que nesta xornada se atopou o torno pechado e non puido contactar co interior do convento. Explicou que el adoita falar coa mesma persoa, aínda que non a chega a ver, polo que non sabe cántas monxas residen no convento nin a súa idade.
Si, que “son moi boa xente” e que axudan con “bocadillos” e outros alimentos a quen o necesita. “Non a todos, eh. Hai que ser bo”, remarcou este habitual do convento, quen, sen coñecer directamente a madre superiora, pon en dúbida que puidese facer crer outras monxas que serían deportadas se o abandonaban.
Partidarios da mesma tese mostráronse outros veciños da zona que se detiveron a charlar cos xornalistas antes ou despois de acudir ao mercado de abastos, moi próximo ao lugar. Unha muller de avanzada idade foi un paso máis alá ao mostrarse convencida de que é “todo mentira” e ao acusar aos medios de difundir “solo mentiras”.
“NON SON TAN HUMILDES”
Ás voces de apoio e incredulidade sumáronse outras máis sorprendidas e preocupadas polos feitos. “En Santiago nunca se sabe, aquí pasa de todo”, manifestou un dos transeúntes da zona, mentres recordaba outros casos como o de Asunta ou o roubo do Códice Calixtino na Catedral compostelana.
Con independencia da opinión que poidan ter ou do seu contacto previo coas Mercedarias, todos os consultados, entre os que se atopaba unha monxa doutra orde, coinciden en que non saben “nada” oficialmente e que hai que ser prudentes, á espera de como avanza a investigación.
Con todo, despois de transcender este caso, xa se oíu algunha voz crítica pola zona. É o caso dunha veciña que dixo manter algún contacto coas relixiosas de carácter comercial e que non lle deron “boa espiña”. “Non son tan humildes como outras relixiosas”, esgrimiu.











