Os empresarios de Lugo desvinculan as sospeitas de irregularidades con que afectara ao proceso electoral
O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, precisou este xoves que a súa organización non vincula a petición de certificado sobre como se produciu a entrada das sectoriais na patronal galega -e en consecuencia no censo- con que “afectara ao proceso electoral”.
“Dende Lugo non formulamos que isto afectara ao proceso electoral, o que formulamos é que hai unha serie de organizacións que están na CEG, que con carácter previo ás eleccións se pediu que se certificase a súa integración para o cumprimento dos estatutos; e a iso é ao que estamos, á rigorosa orde da legalidade”, destacou.
Á marxe de diferenzas tras a elección do novo presidente da confederación galega, Jaime López apela a que “a institución está por riba de todo”. “Nese sentido temos que colaborar, pero ao mesmo tempo que falabamos dese punto de colaboración formulouse un tema fundamental que é cumprir os estatutos da organización”, resaltou, sobre a conversación que mantivo este mércores en Madrid co novo presidente da patronal, Antonio Dieter Moure.
Ao respecto, celebrou que se producise “nun ambiente de franca colaboración”, e detallou que alcanzaron “unha serie de preacordos no sentido de que el ten moi claras as súas intencións de reforzar as confederacións de ámbito provincial, que é onde residen as organizacións sectoriais”.
“Atopamos certos puntos de acordo que levaron a que nos próximos días Antonio Dieter vai visitar a provincia e virá á CEL”, expuxo.











