publicidade hoxe

Os de Monterrei serán os viños oficiais da Feira do Cocido de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínVerín
A-
A+

Por quinto ano consecutivo, os viños da Denominación de Orixe Monterrei serán os que sirvan oficialmente na Feira do Cocido de Lalín, cuxo día grande se celebrará o próximo 31 de xaneiro. Así, este domingo terá lugar o denominado Cocido Solidario promovido polo Concello de Lalín, iniciativa que substitúe á comida oficial que viña celebrándose tradicionalmente e na que participará a presidenta da D.O Monterrei, Asunción Rodríguez.

Grazas a esta colaboración, os comensais que participen no Cocido Solidario poderán gozar de diferentes viños de Monterrei, que serán servidos (a diferenza doutros anos) baixo etiqueta xenérica. A presidenta da D.O de Monterrei valora o impacto desta acción promocional como “tremendamente positivo” para os viños da zona, posto que “as previsións de visitantes” que manexa o Concello de Lalín nestas datas, “superan as 70.000 persoas”.

De feito, articulouse un completo programa de actos desde o Concello con diferentes accións ao longo dos próximos días, entre as que se inclúen o Cocido dos Maiores ou o Cocido LGTB. 

Sobre a D.O. Monterrei

A de Monterrei é unha ds cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 24 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Ríos, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 531 hectáreas de territorio nas que traballan 445 viticultores. 

28 de xaneiro de 2016 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.