publicidade hoxe

Ordes acolle un encontro de economía alternativa e solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A Rede de Economía Alternativa e Solidaria REAS Galicia organiza este sábado 23 de xaneiro na Praza de Abastos de Ordes o I Encontro de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, que baixo o lema: Intercooperar!! ten por finalidade darlle visibilidade e coñecer directamente ás persoas que forman parte do sector, creando ou revitalizando espazos de intercooperación. O encontro desenvolverase a partir das 11.00 da mañá, con cabida entroutras actividades de mesas informativas, microrelatorios das participantes inscritas ou mesas de traballo de mercado social, rematando ás 18.00 cun concerto a cargo do grupo “La brizna de paja”.

O evento vai dirixido preferentemente a todas as entidades da economía social, alternativa e solidaria de Galicia que queiran darse a coñecer ou achegarse a ver o que se está facendo ou o que se pretende facer por estes lares a medio prazo. A entrada é de balde e polo aforo limitado dase prioridade as entidades xa inscritas. Pero aínda queda algunha praza…

REAS Galicia forma parte da Rede a nivel estatal de Redes de Economía alternativa e solidaria REAS, entidade sen ánimo de lucro formada por máis de 500 entidades e que, desde 1995 entende que outra economía é posible. REAS Galicia ten como obxectivos impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e o medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos…). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios. E pretende difundir e dar a coñecer a Economía Solidaria na sociedade galega e aumentar, na nosa comunidade, o tecido empresarial con características éticas e solidarias.

20 de xaneiro de 2016 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.