OPS! O galego a nosa vantaxe abre o programa escolar de Normalización Lingüística no CEIP San Martiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Normalización Lingüística comeza mañá martes, ás 9.30 horas, a súa programación de obradoiros para fomentar o uso da lingua galega na infancia e na mocidade. No CEIP San Martiño, corenta e cinco nenos e nenas de 5º e 6º de primaria participarán no obradoiro OPS! O galego a nosa vantaxe. Con esta proposta o alumnado aprenderá que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.

Esta actividade está dirixida a alumnado de 3º ciclo de primaria, ESO, bacharelato e ciclos. Aínda que hai pequenas adaptacións, segundo a idade dos participantes, os obxectivos fundamentais do obradoiros son a posta en valor a lingua galega facendo ver a súa potencialidade como lingua de comunicación e contrarrestando os prexuízos e amosar a vantaxe de falar galego para poder comunicarse co mundo da lusofonía, que abrangue catro continentes. Os contidos deste obradoiro inciden a valoración do galego como idioma facilitador da comunicación internacional. Para isto, danse a coñecer as diferenzas ortográficas entre o galego e o portugués que debemos ter en conta para ler no idioma veciño, así como as semellanzas e falsos amigos (diferenzas) en canto ao léxico e gramática das dúas linguas.

A actividade está impartida pola Asociación Galega da Lingua (AGAL). A duración de cada obradoiro é de 2 horas lectivas consecutivas (100 minutos) e realízase nos salóns de actos dos centros de ensino.

Este obradoiro forma parte dos oitenta e oito obradoiros de normalización lingüística que se van desenvolver en quince centros educativos de primaria e secundaria do concello de Pontevedra. Os centros de ensino solicitaron máis de tres mil cincocentas prazas para os obradoiros que a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello ofreceu aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) dos centros de ensino a principios deste curso. En total realizaranse cinco sesións do obradoiro OPS! O galego a nosa vantaxe, dezasete de Galicia, País das Letras, vinte do Lingua Forza 3, e vinte e dous do Díxome, Díxome e vinte e catro sesións do Xogo do Chiflo. .

25 de xaneiro de 2016 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.