O xulgado investiga a deportación fai cinco anos de monxas indias no convento das Mercedarias de Santiago
O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, que trata de determinar a posible retención de tres monxas orixinarias da India no convento de clausura das Mercedarias de Santiago, investiga tamén os motivos da deportación en 2011 doutras dúas monxas da mesma orixe que residían neste lugar, a pesar de ter permiso de residencia.
Segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza Ana López-Suevos recibiu o venres un atestado da Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras informando da denuncia dunha monxa que aseguraba que ela e outras mulleres estaban a ser retidas neste convento de clausura compostelán.
Por mor desta información, a xuíza autorizou o sábado un dispositivo para comprobar que as mulleres que vivían alí o facían por vontade propia. Tres monxas manifestaron nese momento a súa “vontade de abandonar o centro”, apunta o TSXG, algo que fixeron o mesmo día acompañadas da comitiva xudicial.
A xuíza investiga se as mulleres que decidiron abandonar o sábado o convento tiñan acceso ao seu permiso de residencia para poder facelo de forma efectiva e se estaban a ser coaccionadas para seguir alí. Polo momento non foi detida ningunha persoa.
A maiores, López-Suevos investiga os motivos polos que dúas mulleres da India con permiso de referencia que eran monxas no mesmo convento foron deportadas no ano 2011.











