publicidade hoxe

O TSXG ratifica o procedemento da Xunta para o pago das expropiacións a propietarios de terreos afectados pola PLISAN

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar o procedemento da Xunta para o pago das expropiacións a propietarios de terreos afectados pola Plataforma Loxistica-Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN).

O TSXG desestimou o recurso contencioso administrativo presentado pola Asociación de Afectados pola PLISAN en referencia ao pago das expropiacións da zona MI (Multifuncional industrial). A sentenza do TSXG desestima as pretensións da asociación de cobrar unha indemnización a maiores do xustiprezo e establece que as tres administracións promotoras da Plataforma Loxística unicamente deben pagar o xustiprezo establecido nas correspondentes sentenzas xudiciais.

Cómpre lembrar que os próximos 15, 16, 22 e 23 de febreiro está previsto proceder ao levantamento de actas de pago de preto de 782.000 euros de expropiacións de solo na PLISAN.

Situación da PLISAN

Na actualidade atópanse en execución os traballos de urbanización da primeira fase dos sistemas xerais, obras que foron iniciadas no pasado mes de outubro de 2015, cun orzamento de 13,5 millóns de euros.

Tamén se están a realizar os traballos técnicos previos á licitación das obras de construción das estacións depuradora e potabilizadora de augas (EDAR e ETAP), para garantir estes servizos ás empresas que se establezan. Estas actuacións contarán cunha achega próxima aos 6,4 millóns de euros.

As obras da EDAR e a ETAP, o mesmo que as obras de urbanización interior da zona Loxística-Empresarial licitaranse en 2016, ano no que tamén se iniciará a comercialización do solo empresarial da PLISAN, nunhas condicións vantaxosas para as primeiras empresas interesadas en asentarse na mesma.

26 de xaneiro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.