O Tribunal Supremo confirma a condena de 56 anos de cárcere para o autor do crime de Xermade
O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto por Brais L.O., único condenado polos asasinatos dun home e o seu pai en Xermade (Lugo), e por lesionar gravemente a nai, e confirmou a condena de 55 anos e 11 meses de prisión ditada pola Audiencia Provincial de Lugo.
O acusado foi xulgado por un tribunal de xurado, que considerou probado que entrara na casa das vítimas en febreiro de 2012, xunto con outra persoa (que faleceu en prisión preventiva), en busca de diñeiro e drogas. Durante o asalto, matou un can da familia, antes de matar a golpes a Eulogio H.R., de 51 anos de idade, e ao seu pai, Víctor H.P., de 74 anos; así mesmo, causou lesións moi graves á nai da familia, Domitila R.S., de 77 anos de idade.
A Audiencia condenou a Brais L.O. a 55 anos e 11 de meses de cárcere, por dous delitos de asasinato, un de roubo con violencia, outro de lesións, e outro de maltrato animal. Tamén lle impuxo o pagamento de indemnizacións por valor de máis de 200.000 euros.
No seu día, a defensa do procesado recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que rexeitou o recurso, ao igual que fixo agora, en casación, o Tribunal Supremo.
O alto tribunal desestima todos os motivos alegados pola defensa para rebaixar a pena. Así, entende que a sentenza condenatoria está suficientemente motivada, que había probas directas para acreditar os feitos, e que, efectivamente, as mortes foron inflixidas con aleivosía e asañamento. Tamén considera que foron ben aplicadas as agravantes de disfrace e de lugar despoboado e apartado.