O SUP denuncia que varios dos policías que acudiron ao tiroteo de Santiago non contaban con chaleco antibalas
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) denunciou este mércores que varios dos policías que o pasado sábado acudiron a un tiroteo entre dous clans xitanos en Santiago non tiñan chaleco antibalas unipersonal.
Nun comunicado, o sindicato puxo de relevancia o caso concreto dun dos axentes intervinientes, que solicitara á Dirección Xeral da Policía “de forma expresa” que lle fose subministrado un chaleco, pero recibira unha “denegación” como resposta unha semana antes.
O SUP reiterou a súa petición de que se dote os policías tanto de uniforme coma de chaleco antibalas de protección individual, co obxectivo que poidan intervir neste tipo de situacións coa “dotación de medios axeitada”.
Actualmente, denunciou o sindicato, na Comisaría de Santiago só dispoñen dun chaleco antibalas unipersonal 62 dos 222 policías existentes.
PROBLEMAS EN LUGO
Do mesmo modo, o secretario en Galicia da Unión Federal de Policía (UFP), Miguel González, denunciou que na Comisaría de Lugo, 43 axentes dun equipo de máis de 170 aínda non dispoñen de chalecos antibalas e que ás mulleres lles subministraron un chaleco masculino.
“Hai un montón de compañeiros que están na rúa e en calquera momento, calquera che dá unha puñalada e déixate no sitio. Dende a UFP dicimos basta xa, que gaste o diñeiro na seguridade dos policías e non en bobadas”, reivindicou.
No caso das policías femininas, o secretario en Galicia apuntou que dada a “incomodidade” dos chalecos masculinos, moitas policías “o entregaron”. “Non o queren levar porqué, ademais, causa lesións nas costas, porque ao levalo apertado mesmo lles estrulla o colo e van incómodas”, puntualizou.











