O servizo municipal de Educación impulsa cinco cursos distintos destinados ao coñecemento de linguas estranxeiras e ao fomento da lectura
O Servizo Municipal de Educación, dependente da Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, impulsou este xaneiro cinco cursos distintos, destinados aos e ás alumnas dos centros públicos da cidade, que se basean, principalmente, no coñecemento dos idiomas estranxeiros, así como no fomento da lectura e á atención á diversidade. Trátase dos programas Cans e e Letras, Achegamento ao Inglés nas Escolas Infantís, Idiomas do Mundo, Acore Europa IV e un novo programa Acore destinado ao estudantado de ciclos superiores.
En concreto, e segundo recorda a concelleira de Xustiza Social e Coidados, este mes déronse os primeiros pasos para poñer en marcha un programa de nova implantación destinado a favorecer o coñecemento da lingua inglesa entre o alumnado das escolas infantís. “Durante o primeiro trimestre do curso 20152016 ofertouse con carácter experimental nas escolas Os Cativos, Carricanta, Rosales, Luis Seoane e Carmen Cervigón”, indicou. “Á vista da boa acollida que tivo a actividade, incorporáronse en xaneiro, os colexios de Agra do Orzán e Monte Alto. Desta maneira, quedan incluídas nesta actividade, sufragada integramente polo Concello, a totalidade das escolas infantís municipais que o solicitaron”, indicou.
Ademais, e con respecto á aprendizaxe das linguas estranxeiras, este xaneiro “publicouse a lista definitiva dos 30 alumnos e alumnas titulados de ciclos medios de Formación Profesional que poderán facer prácticas este ano en Reino Unido, Irlanda, Italia, Portugal e Austria entre os meses de marzo e xuño, na primeira convocatoria deste ano”. Estas bolsas inclúen as viaxes e desprazamentos desde A Coruña até a poboación de destino; o aloxamento no país correspondente durante un período de tres meses; un contrato de formación nunha empresa; axuda económica para financiar a manutención durante a estadía; un curso intensivo, así como preparación lingüística profesional e cultural para os e as estudante; asistencia sanitaria e seguro de responsabilidade civil e a realización, como mínimo, dunha xornada de preparación específica para os seleccionados que participarán no programa.
Dentro dos programas de inmersión lingüística e aprendizaxe laboral, a Concellería de Xustiza Social iniciou os trámites esta mesma semana para poñer en marcha un novo programa Acore. “Neste caso, estará dirixido a alumnado titulado de ciclos superiores de Formación Profesional, para que, como no caso dos ciclos medios, poidan optar a realizar prácticas profesionais no estranxeiro durante tres meses”, salienta Cameán.
Ademais, destes programas, e como xa se anunciou esta mesma semana, o Goberno local acaba de poñer en marcha o programa educativo Idiomas do Mundo, actividade dirixida á estudantes de 4º da ESO e que dará a oportunidade a 100 nenos e nenas da Coruña de realizar unha actividade de inmersión lingüística durante catro semanas na época estival. O prazo de inscrición ao programa terá lugar entre os días 11 e 22 de abril.
A concelleira quixo salientar, de igual xeito, o programa de inicio e fomento da lectura que se puxo en marcha estes días, dirixido a alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA) escolarizado no Centro de Educación Especial Virxe do Rosario. Este programa, chamado Cans e Letras utiliza a técnica READ (Reading Education Assistance Dogs). “Consiste na utilización de cans, adestrados por especialistas que os acompañan nas sesións, para favorecer o achegamento á lectura por medio da conexión emocional que se estabelece entre o can e o alumno”, comentou Cameán.











