O Servizo de Axuda no Fogar de Mugardos potenciarase para incrementar o número de persoas beneficiarias
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Mugardos onde foi recibido polo alcalde desta localidade coruñesa, Juan Domingo de Deus Fonticoba, con quen mantivo unha xuntanza de traballo na que tamén participaron outros edís da corporación municipal.
Esta visita serviu para analizar a situación dos programas e servizos sociais dependentes da Xunta de Galicia que se prestan nesta localidade, e estudar novas posibilidades de colaboración entre ambas institucións. Neste sentido, Rey Varela manifestouse partidario de seguir apostando por intensificar a coordinación entre a administración autonómica e a mugardesa para ampliar a cobertura social das persoas e familias que máis precisan de apoio. A este obxectivo responde o significativo incremento neste ano 2016 da orde destinada a Concellos para programas de inclusións, que chegan aos 3,4 millóns de euros fronte aos 1,7 do exercicio pasado. “Cando falamos de políticas sociais cómpre a implicación e a colaboración de todas as administracións, xa que os servizos sociais non son nin da Xunta nin dos Concellos, senón que son de todos os galegos e galegas”, sinalou o conselleiro.
Nesta liña, Rey Varela subliñou a importancia de insistir no diálogo permanente cos concellos para un mellor aproveitamento dos recursos públicos dos que dispón a nova Consellería de Política Social, cuxos orzamentos para este ano de 2016 crecen un 12%, tres veces máis que os presupostos xerais da administración autonómica que o fan nun 4,2% con respecto ao exercicio pasado. “Esta subida enmárcase no novo impulso que o Goberno galego está a dar ás políticas sociais para que a mellora das contas públicas chegue aos fogares de todos os galegos e galegas”, explicou.
Ademais, o responsable da carteira autonómica de Política Social explicou ao rexedor de Mugardos as liñas estratéxicas que marcarán a actuación do Goberno galego en materia social ao longo deste ano. Así, un dos obxectivos principais pasa por aumentar en 10.000 persoas máis o número de persoas dependentes beneficiarias de servizos de atención; e rematar este ano cunha ratio de cobertura do 75% -hoxe está situado por riba do 60%-. Nesta liña, explicou que en Mugardos incrementarase o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que nestes momentos supera as 1.260 horas e conta cunha trintena de beneficiarios.
Así mesmo, outro dos eixos básicos de actuación da Consellería durante os vindeiros meses será o de continuar desenvolvendo medidas de apoio á familia e á infancia como a Tarxeta Benvida; o pagamento único e as deducións fiscais por fillo ou filla a cargo; seguir aumentando o número de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos ou a implantación dos bonos conciliación e coidador no rural que farán máis doado para os pais e nais compaxinar a vida social, laboral e familiar.