O Santiago Futsal asalta o Palacio dos Deportes de Murcia
O de onte prevíase un encontro de altas miras. Un partido con goles, e con moita intensidade. Os de Santiago tiñan claro o seu obxectivo: sumar os últimos 3 puntos antes do parón ligueiro para situarse en postos de Play Off. Dito e feito. A fe e a entrega foron máis celestes que nunca e os ‘guerreiros da terra’, dirixidos por Marcos Mecías na súa despedida do club celeste, superaron ao 3º clasificado para durmir, unha noite ou mesmo un mes, asentados na 7ª praza.
Catela fose o encargado de estrear o luminoso aos 2 minutos de dar comezo o partido, un tanto merecido tras uns primeiros instantes de claro dominio visitante con asedio á portería defendida por Rafa, quen nada puido facer no remate do gaditano tras acción individual.
Con todo, Bebe puxo o 1-1 só 2 minutos despois ao aproveita un desaxuste defensivo da escuadra galega. A vantaxe para os murcianos ampliouna Miguelín co 2-1 e rematouna, de novo Bebe, co 3-1 antes do descanso.
Tras a continuación, os de Santi Valladares, que onte cumpriu o seu último partido de sanción do mesmo xeito que o seu segundo Mon Barreiro, volveron plantarse na pista con garra e cun xogo que xeraba moito perigo en campo rival. Así foi como Diego Quintela en apenas 5 minutos, aproveitou dous balóns que só o de Arzúa podía finalizar á perfección, un en xogada de pivote desde o bordo da área e outro nun roubo de balón que mandou ao fondo da rede murciana.
Desde ese momento o partido entrou nunha dinámica de ida e volta. Miguelín adiantaría aos seus, pero Diego Quintela non fallaría desde o punto de penalti para facer o 4-4. Outra vez Miguelín aparecería para facer o 5-4 a falta de 4 minutos para o final, tempo máis que suficiente para que os de Santiago, con porteiro xogador en pista, volvesen igualar a contenda cun disparo imparable de Hugo Sánchez.
Os murcianos arriscarían os últimos 3 minutos con porteiro-xogador, e a pesar das chegadas locais sen fortuna na finalización, foi o Santiago o que deu un golpe de efecto tras unha xogada que inicia Iker López, pasa pola dupla Quintela-Catela, Hugo Sánchez déixaa en longo para a incorporación de Álex Diz pola banda, céntraa para Antonio que, cun toque sutil déixaa atrás para Diego Quintela. O capi fulmina a porta baleira para facer o gol da vitoria a 20 segundos do final.
Co 5-6 no marcador chegouse ao final do partido no Palacio dos Deportes de Murcia. Unha vitoria que deixa bo sabor de boca aos xogadores celestes antes do parón ligueiro debido ao Campionato Europeo, e que ademais, rompe unha serie de catro tempadas sen gañar a domicilio ao conxunto pimentero.
Sala de prensa
O técnico Santi Valladares analizou o encontro tras a súa conclusión do que dixo “Viñamos coa iniciativa de levarnos os 3 puntos para Santiago, coa moral moi alta e confiando nas nosas posibilidades. O partido tivo 2 partes: unha primeira na que non estivemos ao nivel e unha segunda na que tiramos diso que nos caracteriza, o xogar ata o final e non renderse a pesar de cada gol do rival. Ao final chegou ese gol de Diego que nos deu os 3 puntos nunha cancha complicadísima.”
Valladares finalizou dicindo “Imos ao parón máis afastados aínda dos postos de descenso, que é o noso primeiro obxectivo. Aínda que agora mesmo estamos en postos Play Off, temos que ser realistas e pensar que aínda queda moita competición.”











