O Rio Natura Monbus enfrontarase ao Laboral Kutxa Baskonia en cuartos de final do #Copadoiro
O Rio Natura Monbus Obradoiro xa coñece ao seu rival para os cuartos de final da Copa do Rei tras o sorteo celebrado hoxe no Concello da Coruña: será o Laboral Kutxa Baskonia.
Curiosamente, o equipo vitoriano tamén será o rival da segunda volta de liga regular en Sar a semana previa ao evento herculino.
As mans inocentes, os deportivistas Víctor Sánchez del Amo e Lucas Pérez, sacaron a bóla obradoirista na eliminatoria C, xunto á da cabeza de grupo baskonistas.
Previamente, a eliminatoria A definiuse entre FC Barcelona Lassa e Dominion Bilbao Basket, mentres que na B enfrontaranse Real Madrid e Montakit Fuenlabrada. O último emparellamento, pero que en cambio se xogará o xoves por normativa, foi o de Valencia Basket Club, líder da liga, con Herbalife Gran Canaria.
Ao sorteo acudiu unha ampla representación obradoirista, encabezada polo presidente do Consello de Administración Raúl López, ao que Francisco Roca, director da ACB, agradeceu o esforzo e predisposición para traer este evento á Coruña. Con el da directiva, o conselleiro Valentín Vázquez e o director xeral José Luís Mateo. Entre as autoridades, tamén estiveron presentes o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e Noa Morais, Concelleira de Deportes.
Os xogadores portavoces foron nesta ocasión Santiago Yusta e Adam Waczynski, que valoraron en directo o resultado do sorteo. O primeiro recalcou “a dureza” de calquera dos rivais posibles, mentres que Adam Waczynski ratificouno. “En liga regular xogamos en Vitoria na primeira volta, e estivemos no partido, pero cada equipo cambia moito constantemente, polo que non significa nada”, explicou o polaco.
Tamén Moncho Fernández pronunciouse sobre o acontecemento, esperando que á marxe de rivais, “poñamos ilusión á nosa xente e a todos os que fixeron posible que a Copa veña a aquí. Desde logo que por iso, imos dar o mellor sexa contra quen sexa”, concluíu.











