O presidente da Deputación de Lugo considera a Besteiro o mellor candidato á Xunta
O presidente da Deputación de Lugo e alcalde da Pontenova, o socialista Darío Campos, insistiu en que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, é “o mellor candidato” do partido a presidir a Xunta e asegurou que, se por o fóra, “non habería primarias”.
“A nivel democrático está moi ben que se celebren primarias. Apartando os problemas xurídicos sería o candidato nunha porcentaxe moi alta dos socialistas galegos”, defendeu o titular de institución provincial este venres.
Con todo, Campos recoñeceu ser consciente de que os “problemas” que afectan ao secretario xeral son “xurídicos”, dada a súa imputación no coñecido como caso Garañón para seguidamente invocar ese proceso de primarias e ese calendario que impuxo Besteiro para a súa celebración.
“Avogo pola responsabilidade de todos os dirixentes socialistas para que respecten os tempos. Está claro que vai haber primarias e que se presente quen queira”, sinalou.
Estas declaracións producíanse antes de participar na sinatura dun convenio coa Fundación da Escola de Organización Industrial para impulsar un “plan de emprego xuvenil” dotado cun presupostos de dous millóns de euros.











