O pleno de Mos aproba unha moción para instar á Deputación a celebrar o “Certame Concurso de Rondallas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Grupo Municipal do Partido Popular de Mos, levou ao Pleno ordinario da Corporación Municipal do pasado 30 de decembro, unha moción, que foi aprobada, para instar ó goberno da Deputación de Pontevedra a celebrar o “Certame Concurso de Rondallas” e non facer desaparecer un elemento cultural propio da provincia de Pontevedra. 

O novo goberno da Deputación Provincial de Pontevedra tomou a decisión de non celebrar o tradicional “Certame de Rondallas” que esta institución organiza dende 2010, data na que a administración que anteriormente realizaba este evento, o Concello de Vigo, decidiu anulalo despois de 34 edicións.

O “Certame de Rondallas” é unha data sinalada no calendario dos máis de 1.500 rondalleiros e rondalleiras, e tamén para as preto de 12.000 persoas que cada edición enchen o IFEVI.

Moi poucos eventos en toda Galicia poden presumir de acadar semellante éxito e seguir crecendo ao longo dos anos, e isto débese a que as rondallas son un símbolo de identidade propia desta provincia. Son parte do raigame da nosa cultura, na que participan multitude de persoas de tódolos ámbitos, dende mestres e músicos profesionais, ata afeccionados de tódalas idades que atopan nelas a forma de achegarse á cultura popular dende a paixón que senten por formar parte dunha rondalla cada tempada.

O Concello de Mos, “institución que defende a música e a cultura en xeral, e ás súas rondallas en particular”, pídelle por tanto de forma firme á Deputación, mediante a aprobación desta moción, que “rectifique e continúe a celebrar o Certame–Concurso, e que a desorganización coa que se afrontou o evento este ano non se volte a repetir, xa que denota unha gran falla de respecto cara ós rondalleiros é rondalleiras”, tal e como declaraba a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na última sesión plenaria ordinaria do ano 2015 celebrada a semana pasada no Pazo de Mos

5 de xaneiro de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.