O Partido Popular lamenta que AGE “entorpeza a solución” para Vigo na Lei do Solo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lamentou este luns que AGE decidira “obstaculizar” a introdución dunha cláusula na nova Lei do Solo, actualmente no trámite de relatorio parlamentario, para solucionar a situación urbanística de Vigo despois de que o Tribunal Supremo anulase o seu plan. “Non entendo que se gaña entorpecendo a solución”, remarcou, ao tempo que sinalou que existen “outras vías” que se poden utilizar.

Preguntado sobre este asunto en rolda de prensa, o dirixente popular fixo fincapé en que a emenda formulada ten o apoio do PSdeG -que lidera a cidade olívica- e en que, ademais, só o grupo de AGE se opuxo á súa introdución. “Non o vemos razoable”, engadiu.

Ao estar pechado o prazo para a presentación de emendas á Lei do Solo cando se produciu a anulación do PXOM vigués, a única fórmula para buscar un acomodo legal a diferentes proxectos en marcha na cidade (como a ampliación de Citroën) pasaba por introducir unha emenda técnica, o que require a conformidade de todos os grupos -independentemente do que posteriormente voten sobre o texto-. Non obstante, Alternativa non aceptou que se introducise a emenda do PP.

Neste escenario, Puy Fraga preferiu non descartar polo momento que o grupo liderado por Xosé Manuel Beiras acabe aceptando que se incorpore esa solución, pero advertiu de que se a súa negativa “persiste” tomarán outras decisións para que “prevaleza o interese xeral”. Polo tanto, resaltou, “tranquilidade absoluta” sobre que o problema de Vigo “será solucionado”.

Entre os “distintos mecanismos” que barallan os populares, como comentou o deputado, está reformar de novo a Lei do Solo unha vez aprobada. Sexa cual sexa a opción que finalmente se decida, resolverá a situación, segundo Puy, nun “prazo de tempo breve e razoable”.

PRESIDENCIA DO PARLAMENTO

Xunto coa reforma da Lei do Solo, outra cuestión pendente de resolver é quen asumirá a Presidencia do Parlamento tras a marcha de Pilar Rojo ao Congreso dos Deputados.

Polo momento, dixo Pedro Puy, a decisión non está pechada e o prazo non conclúe ata o próximo día 26, cando arranca o primeiro pleno deste período de sesións.

Nesa xornada plenaria, como avanzou, tomarán posesión do seu escano tanto a substituta de Rojo, a concelleira viguesa Elena González; como a seguinte na lista do PP por A Coruña, Sandra Devesa, de Oleiros, que entra tras a marcha de Paula Prado ao Senado.

Así mesmo, deu por feito que se debaterá unha iniciativa lexislativa popular contra a pobreza enerxética e o proxecto de Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

CANDIDATO DO PPDEG

Outro asunto sobre o que foi cuestionado Pedro Puy é o futuro de Feijóo, ao que recordou, a preguntas dos xornalistas, que en breve haberá un congreso no que se decidirá quen se fará coas rendas do partido e concorrerá como cabeza de cartel do PPdeG ás eleccións autonómicas.

Sen querer entrar en “interpretacións”, unicamente resaltou que Feijóo sería “o mellor candidato” que podería saír dese conclave.

18 de xaneiro de 2016 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.