O Parque Botánico de Montealegre presenta as súas actividades de lecer para o primeiro trimestre
O Concello de Ourense vén de presentar as actividades que organiza durante o primeiro trimestre do ano no parque Botánico de Montealegre. Son obradoiros, dirixidos para público infantil e adulto, cos que se pretende achegarlles aos ourensáns o seu medio máis próximo e, ao mesmo tempo, fomentar o Parque de Montealegre como un dos espazos de lecer de referencia. “Só no último trimestre do ano visitaron as súas instalacións 1.424 persoas, un 16% máis que no mesmo período do ano anterior”, afirmou José Araújo, concelleiro de Medio Ambiente.
O éxito das actividades, nas que participaron 400 persoas na súa última convocatoria, obrigou aos responsables a desenvolver un novidoso sistema de inscrición a través da web botanicodemontealegre.com. Logo de anotarse, os interesados recibirán unha mensaxe que os convide a confirmar a súa participación nos vindeiros tres días. Todas as actividades son gratuítas, pero é necesaria a inscrición previa para todas elas.
As actividades infantís (IN) están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos e celebraranse os domingos de 11:30 a 13:30 horas. As de adultos (AD) celebraranse os sábados de 16:00 a 18:00 horas. Eis a relación completa, ordenada de forma cronolóxica, e a súa descrición e obxectivos:
23 xaneiro. (AD) Escritura creativa: os asistentes iniciaranse na arte de escribir, facendo reflexo dos seus sentimentos ou vivencias para así poder facer partícipes o resto dos mesmos.
24 xaneiro. (IN) Pintura creativa: dar a coñecer aos nenos e nenas diferentes técnicas de debuxo e de pintura para espertar a súa creatividade e sensibilidade. Nunha primeira parte da actividade sairán ao exterior do Parque para recoller diferentes elementos coa intención de coñecelos e recoñecelos e logo estes elementos servirán para debuxalos con diferentes técnicas como acuarelas, lapis de cores… Esta actividade está indicada para os nenos de 6 a 12 anos.
30 xaneiro (AD). Obradoiro de xabóns naturais: Un xeito doado e divertido de elaborar xabóns artesanalmente nos seus fogares, a partir de tres ingredientes básicos, e incluso podendo aproveitar refugallos propios do fogar, como o aceite usado. A elaboración dos xabóns permitiralles aos participantes obter un produto de calidade para a hixiene persoal e que lles servirá para atallar diferentes problemas da pel.
31 xaneiro (IN). Entroido: para desenvolver a súa creatividade ao tempo que coñecen as árbores da súa contorna. Recolleranse as follas que despois utilizarán para facer as súas máscaras e disfraces de entroido.
13 febreiro (AD). Meditación e relaxación: Coñecer as virtudes que poden axudar a mellorar a calidade de vida en harmonía coa natureza aproveitando o espazo natural que nos ofrece o Parque botánico de Montealegre.
14 febreiro (IN). Descubrindo os animais: Trátase de que xogando descubran as diferencias entre uns animais e outros mediante o traballo en equipo, e que aprendan tamén os valores da amizade e o compañeirismo.
27 febreiro (AD). Elaboración de leites vexetais: Elaboración de leites vexetais como unha alternativa ao consumo de leites de orixe animal. Elaboraranse diferentes receitas de leites vexetais para que os participantes poidan levar unhas mostras de cada unha delas a súa casa.
28 febreiro (IN) Paxaros e comedeiros: Construción de varios tipos de comedeiros de paxaros, principalmente con materiais reciclados e con outros materiais sinxelos e fáciles de conseguir.
12 marzo (AD) Crea o teu sementeiro: Dirixido a público en xeral coma aos usuarios das hortas municipais. Cultivaranse plantas que máis tarde poden plantarse nas hortas.
13 marzo (IN) Sementeiros e Sr. Céspede. Elaboraranse uns bonecos co gallo de que sexan os nenos e nenas os encargados de coidalos no seu fogar, e un sementeiro. Cada participante poderá posteriormente aplicar o aprendido no cultivo da súa elección de forma fácil.
O horario de apertura do Parque Botánico de Montealegre é de 10:00 a 18:00 horas, e todos os sábados ás 12:00 horas hai visitas guiadas gratuítas polas súas instalacións.











