O novo reitor da UDC pide financiamento estable á Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O novo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, reclamou un marco presupostario “suficiente” para garantir a existencia en Galicia dun sistema universitario “sólido, ben cohesionado e coordinado”. Así, do novo plan de financiamento do sistema universitario galego para o período 2016-2020, dixo que “mellora o financiamento estrutural dos campus fronte ao plan anterior, pero aínda non garante de forma clara a estabilidade e a suficiencia financeira” das tres universidades para o novo período.

Nun acto presidido polo titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, Abalde -catedrático de Microbioloxía e que durante o mandato do exreitor, Xosé Luís Armesto foi vicerrector de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías- trasladou a súa defensa dunha universidade “pública, de calidade e galega”. Para iso, reclamou un marco presupostario “estable e suficiente”.

Así, aínda que agradeceu “o esforzo” da Xunta co incremento do financiamento no novo plan, advertiu de que este aumento “debe repercutir na mellora do financiamento de todas as institucións”. “Non sería razoable que o novo plan supuxese unha diminución dalgunhas delas”, dixo.

Ademais, avalou un financiamento por resultados, pero considerou que o seu incremento “non pode ser a custa do fondo estrutural, xa escaso”. Así, advertiu de que isto poría en risco “o principio de equidade e de suficiencia financeira” das tres universidades galegas.

INTERNACIONALIZACIÓN

Antes, reclamou un presuposto que permita manter as taxas nun nivel razoable”, dixo tras gabar a decisión da Xunta de conxelar as taxas universitarias nos últimos catro anos. Mentres, defendeu a “eficencia” da universidade pública. “A pesar dos baixos investimentos, España conseguiu posicionarse como novena potencia científica do mundo”.

Tamén avogou por unha institución que aposte pola internacionalización e por “alianzas estratéxicas” para deseñar “programas académicos conxuntos e proxectos de investigación”. Na mesma liña, avogou por un marco normativo que permita “unha adaptación estable” dos másteres.

Nunha intervención na que Abalde se mostrou emocionado e na que houbo referencias ás Irmandades da Fala, considerou “urxente” poñer fin “ás medidas de suposta racionalización” en materia de persoal.

DESPEDIDA DE ARMESTO

Previamente, interveu o xa exreitor da UDC, Xosé Luís Armesto, quen instou aos dirixentes políticos, económicos e sociais a entender “a importancia dos servizos públicos”. “Do financiamento suficiente da formación e o coñecemento, necesarios para facer sostible un sistema que debe basearse na xustiza social”.

Armesto volveu defender “o dereito á educación” e, en particular da educación superior. Ao respecto, remarcou que nos últimos cuatros anos as universidades españolas “perderon un 12% do seu presuposto, de maneira que o gasto público retrocedeu a cifras de hai unha década”.

Na mesma liña, lamentou o “enorme descenso” da inversión en I+D+i. “Un castigo imprudente”, recalcou. Con todo, destacou o “forte impulso” dado pola UDC á investigación e cooperación con tras universidades.

Para o futuro, avogou pola internacionalización desta universidade. Mentres, cualificou como “unha honra” o seu mandato, ao tempo que dedicou o seu discurso -que rematou cunha ampla ovación por parte dos asistentes- a reivindicar as universidades galegas como “un piar da Galicia moderna”.

12 de xaneiro de 2016 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.