publicidade hoxe

O Grove volve bater récords de reciclaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Os datos anuais de reciclaxe correspondentes ao ano 2015 volven a situar O Grove na primeira liña. Os veciños e veciñas do Grove teñen reciclado unha media de 34,3 quilos de papel e cartón por habitante o que supón tres veces máis que a media de España, que se atopa en 14,7 quilos por habitante ao ano. No ano 2015 recolléronse 372.230 quilos, incrementando así un 6,02% con respecto ao ano 2014, cando se tiñan recollido 351.100 quilos e un 6,90% no referido a 2013, con 348.200 quilos.

No relativo ao vidro o incremento para o período 2013-2015 supón un 5,80% pasando das 384,41 toneladas recollidas en 2013 ás 406,69 coas que remata o 2015. Isto sitúa a taxa de reciclaxe nos 37,48 quilos por habitante ao ano superando o ratio medio da Comunidade Autónoma que máis recicla (Illas Baleares) que chega aos 31,1 quilos por habitante ao ano.

Finalmente, en canto aos envases lixeiros (os que se recollen no colector amarelo), o ano 2015 tense producido un aumento do 0,93% con respecto ao ano anterior, que tiña rematado cun notable incremento do 5,08% sobre 2013. Deste xeito, no período 2013-2015 tense conseguido aumentar un 6,06% e fai que O Grove chegue a 24,41 quilos por habitante ao ano, o que supón que duplique o ratio medio de reciclaxe deste material en España, situado en 24,41 quilos por habitante ao ano (situado en 12,3). 

Trátase de datos moi positivos e concrétase en que O Grove recolleu selectivamente unha cantidade superior as 1.043 toneladas de residuos, un 3,43% máis que no ano anterior e un aumento do 6,25% con respecto a 2013. A taxa final de reciclaxe por habitante e ano para o Concello do Grove chega aos 96,19 quilos por habitante ao ano. Un bo ritmo de crecemento que anima a seguir traballando neste sentido, sendo fundamental a colaboración cidadá para que o sistema manteña este bo funcionamento. 

19 de xaneiro de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.