O goberno vilagarcián encomenda a Fole e Ríos a defensa no consello portuario do Centro de Saúde na comandancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os voceiros do Partido Popular, Tomás Fole, e do BNG, Xavier Ríos, serán os encargados de reiterar ante o Consello de Administración da Autoridade Portuaria a demanda do Concello da construción dun centro de saúde no emprazamento da antiga Comandancia da Mariña. Dado que estes edís son os dous representantes da Corporación Municipal no ente portuario, o goberno encoméndalles a defensa do acordo aprobado polo Pleno do Concello, o órgano que representa a todos os vilagarciáns.

O goberno socialista non desiste no seu empeño para conseguir que a parcela da antiga Comandancia de Mariña acolla un novo centro de saúde moderno, amplo, dotado cos servizos precisos e ben comunicado para atender debidamente as necesidades sanitarias dos vilagarciáns. Tras ser aprobada no último Pleno a moción presentada polos socialistas demandando o cumprimento do protocolo asinado en 2009 entre a Consellería de Sanidade e a Autoridade Portuaria para levar a cabo este proxecto; o goberno encomenda aos dous representantes da Corporación Municipal no Consello de Administración Portuaria que na próxima sesión trasladen, expoñan e defendan o devandito acordo nos termos nos que foi aprobado.

Independentemente das posturas manifestadas por cada grupo no debate plenario, o goberno lembra que o acordo final aprobado pola Corporación é o único que ten validez, xa que o Pleno é o máximo órgano municipal que representa a todos os vilagarciáns e cuxa misión é velar o defender os seus intereses. Por iso confía en que o voceiro do PP se deba á Corporación e sexa quen de defender o centro de saúde na Comandancia que tanto necesita Vilagarcía. Máis aínda, cando o propio Tomás Fole e o seu grupo, no ano 2010 votaron a favor dunha moción similar na que o Pleno acordou reiterar o cumprimento do protocolo entre Sanidade e Porto.

O goberno cualifica de incomprensible a actitude contraditoria que amosa tanto o PP como EU, grupo que tamén en 2010 apoiou a moción do Pleno e que, pese a elo, a semana pasada votou en contra da mesma. “Tanto uns como os outros deberían explicar aos vilagarciáns as razóns de semellante vaivén de opinións, porque a todas luces, parece estar máis motivado por intereses políticos e partidistas que polo ben dos veciños da súa cidade”.

Tal como se expuxo no debate plenario, o goberno opina que a Comandancia é o lugar máis apropiado para construír a infraestrutura sanitaria xa que reúne nos requisitos de ser unha parcela ampla, céntrica, que non precisa de expropiacións e que permitiría levar a cabo o proxecto en menor tempo. Ademais, conta cun emprazamento estratéxico, no centro do eixo Vilaxoán-Vilagarcía-Carril, con parada de transporte colectivo a poucos metros (Cavadelo), con grandes bolsas de aparcamento público (TIR) ou de pago (párking Cavadelo ou do Porto) e no mesmo centro da cidade para facilitar os desprazamento a pé dos residentes no casco urbano.

Os socialistas engaden sobre a Comandancia que, ademais de ser o mellor emprazamento, permitiría a solución máis rápida, posto que xa existe un compromiso dende hai anos; ao contrario que optar por ampliar o actual centro de San Roque aproveitando os terreos do Cuartel da Garda Civil xa que isto, ademais de implicar a máis administracións (Ministerio do Interior) e complicar os trámites, supeditaría o centro sanitario a que primeiro se construíse o novo Cuartel; prolongando durante moitos máis anos a necesaria infraestrutura sanitaria.

5 de xaneiro de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.