O goberno lalinense convida aos taxistas a presentar unha moción cidadá para explicar a súa postura sobre a peonalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal convida aos taxistas de Lalín a presentar unha moción cidadá para expresar de forma pública, clara e oficial a súa postura sobre o proceso de peonalización das rúas Principal e Joaquín Loriga. O Concello failles este ofrecemento despois de ter constancia da presentación por rexistro de varias follas de sinaturas con nomes de persoas que din opoñerse a esta iniciativa.

O Goberno expresa o seu máximo respecto por esta recollida de firmas, pero puntualiza que desde o pasado mes de outubro existe un mecanismo aberto a toda a veciñanza e que propicia a participación dos habitantes de Lalín no debate e na toma de decisións sobre as cuestións que lles afectan de maneira máis directa. Ademais é a fórmula que ofrece maiores garantías, xa que especifica unha serie de requisitos de obrigado cumprimento. Entre eles que a proposta en cuestión veña avalada por un mínimo de 250 sinaturas de persoas  empadroadas en Lalín. No caso das firmas presentadas hoxe non existe constancia de que se cumpra ese requisito, que tería que certificar o secretario municipal.

En calquera caso, o Concello lembra que as sinaturas presentadas esta mañá non chegan a representar nin ao 2 por cento da poboación do municipio, polo que aínda que todas esas firmas fosen de xente de Lalín, habería unha inmensa maioría de cidadáns que non se pronuncian en contra da peonalización. Ademais, o Goberno local ten constancia por diferentes vías de que o Partido Popular, no seu ánimo de enfrontar aos veciños de Lalín, está detrás desta recollida de sinaturas. En contraposición, o Concello anuncia que pensa manter unha actitude construtiva e que vai seguir convocando reunións periódicas con veciños, comerciantes e hostaleiros nas que, coma sempre, escoitará e terá en conta a súa opinión.

O Goberno municipal recoñece que en tan só 15 días é difícil valorar os resultados e os beneficios da peonalización e lembra que tanto nas cidades como nas vilas nas que se iniciou este tipo de procesos sempre se suscitaron polémicas que finalmente se esqueceron á vista dos seus beneficiosos efectos sobre a actividade económica e social. Así, o Concello considera que o fácil era quedar de brazos cruzados e non facer nada, pero insiste en que está a asumir a súa responsabilidade coa intención de buscar o mellor para os comerciantes, os hostaleiros e os veciños da vila. O propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu esta mañá durante a presentación da Feira do Cocido que el mesmo tivera problemas cando iniciara este proceso na súa cidade, que agora se considera un modelo de referencia non só en Galicia senón no resto do mundo. 

Por último, con respecto á ubicación da parada de taxis, o Goberno reitera que o cambio de emprazamento se realizará, tal e como foi anunciado nas últimas semanas, en canto sexa tecnicamente viable. Polo tanto, os taxistas terán que cambiar o seu lugar de estacionamento da praza da Torre á rúa Colón, tal e como estaba previsto.

20 de xaneiro de 2016 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.