O Goberno de Ferreiro integra na EIDUS un proxecto para “reverter o desenvolvemento urbanístico salvaxe” e “incentivar a cohesión social”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, puxo a disposición dos grupos municipais a formulación e senda financeira da EIDUS, a Estratexia Integral de Desenvolvemento Urbano Sostible que definirá as políticas municipais da cidade a longo prazo. O documento integra os proxectos “máis relevantes do Goberno local e que nacen con vocación de permanencia”, expuso a concelleira, “como a Renda Social Municipal ou o Plan de Emprego, pero tamén permitirá executar outros proxectos ‘tractores’ susceptibles de seren financiados con fondos europeos”. O primeiro deles, nomeado ‘Cidade de dereitos’, ten como obxectivo “diminuir a desigualdade e vulnerabilidade social”, explicou Delso, “froito dun desenvolvemento urbanístico salvaxe”. “O Concello debe reverter a situación e facer real o dereito que ten a cidadanía de vivir en igualdade”, destacou a edil, quen sinalou que o proxecto “procurará incentivar a cohesión social, empoderar á cidadanía e reestruturar o espazo público”.

O proxecto ‘Cidade de dereitos’ articúlase sobre dez medidas en relación ao dereito á vivenda, á mobilidade, ao consumo e o uso do espazo público. “Os recursos públicos redistribuiranse de xeito solidario e atendendo ás necesidades das persoas”, salientou Delso, a través de creación de itinerarios personalizados de inclusión social contra a vulnerabilidade, o acceso a un hábitat digno, a creación dun plan de accesibilidade e deseño universal, a eficiencia enerxética do alumeado público, a mobilidade sostible, a mellora do entorno urbano e do hábitat, a rehabilitación de espazos públicos como valoración do patrimonio natural e cultural, a mellora do entorno urbano dos polígonos industriais, a adaptación dos mercados de proximidade como espazos públicos de mellora da convivencia, e a xestión de inventarios urbanos para a identificación de vulnerabilidade. “Este proxecto ‘tractor’ orientará a acción municipal cara unha cidade sustentable e integradora, igualitaria e inclusiva”, destacou a edil.

A concelleira de Participación, encargada de coordinar a acción de deseño da estratexia, destacou “a vocación de diálogo” da iniciativa do executivo coruñés ao peche da cuarta convocatoria do Goberno local xunto ao resto de grupos municipais para debater a EIDUS. “Agardamos que o PP e o PSOE sexan conscientes da importancia que ten este proxecto para a cidade e a veciñanza, e non caian en tentacións de bloqueo”, afirmou. A proposta, que configurou as súas dimensións estratéxicas e obxectivos finais coas achegas dos grupos municipais e de diversos axentes sociais, será levado o luns a Xunta de Goberno co obxectivo de acceder ao financiamento da Unión Europea para entidades locais.

8 de xaneiro de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.