O goberno de Cuíña pide explicacións ao PP sobre o destino dos cartos que se recadaron en empresas para edicións anteriores do Cocido
O Goberno municipal de Lalín esíxelle explicacións ao Partido Popular polo uso de fórmulas de financiamento para as festas de Nadal e do Cocido que escapaban ao control dos órganos económicos do Concello. A concelleira de Facenda realiza esta petición despois de ter coñecemento por diferentes vías de que en anos anteriores se facía unha colecta en comercios, locais de hostalería e empresas para recadar cartos supostamente destinados a financiar o programa de actividades destas celebracións. Moitos comerciantes e hostaleiros chegaron a amosar a súa estrañeza polo feito de que este ano non se realizasen este tipo de cuestacións, que antes eran habituais.
Ademais, algunhas das persoas que colaboraron economicamente nesta iniciativa gardan aínda recibos polas cantidades entregadas, aínda que na Intervención municipal non hai constancia deste procedemento de cobro e se insiste en que nunca se chegou a recibir nin un só euro por este concepto. Dende o Goberno municipal recórdase que todos os cartos que se recadan para actividades do Concello teñen que ser ingresados en caixa antes de destinalos a calquera tipo de iniciativa. Desta maneira garántese un absoluto control do uso dos recursos públicos, situación que non se producía neste caso.
A concelleira de Facenda, Teresa Varela Fisteus, lamenta o uso de fórmulas de ingreso de fondos que escapaban á fiscalización do Concello e espera que o Partido Popular dea canto antes as explicacións oportunas que xustifiquen de maneira clara un mecanismo de recadación polo que non se rendían contas. Ademais, a concelleira amosa o seu malestar por esta forma de proceder. “Esta situación”, afirma, “súmase a outro tipo de actitudes reprobables dende o punto de vista do procedemento administrativo e das que fomos tendo constancia dende a nosa toma de posesión”. Varela Fisteus conclúe que “existen demasiadas dúbidas sobre o que se facía cos cartos públicos na etapa do Partido Popular e para as que polo momento non se coñece ningún tipo de explicación”.











