O departamento de Medio Ambiente organiza unha visita á lagoa de Cospeito o sábado 30
Este sábado, 30 de xaneiro, o Departamento de Medio Ambiente organiza, en conmemoración do ía Mundial dos Humedais que se celebra o 2 de febrero, unha excursión gratuíta á lagoa de Cospeito. Situada a 25 quilómetros de Lugo esta lagoa forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Os interesados e interesadas poderán reservar unha das 55 prazas dispoñibles chamando ao teléfono 660004665, liña correspondente ao Departamento de Medio Ambiente, ou enviar un correo electrónico á dirección auladanatureza@concellodeames.gal.
Un autobús recollerá, ese sábado 30, aos inscritos na actividade ás 9:45 na Casa do Concello e ás 10:00 na Casa da Cultura do Milladoiro. O autobús dirixirase á Casa da Cultura de Cospeito. Acompañarán a visita Ramón Díaz Varela, docente da USC en Ecosistemas e Biodiversidade e Accións de conservación en espazos naturais protexidos e Antón Gende Barbeito, ornitólogo.
A visita dará comezo na Casa da Cultura de Cospeito, onde o profesor Ramón Díaz impartirá unha charla na que explicará a importancia da conservación dos humedais. Tralo remate da mesma os asistentes desprazaranse até a lagoa de Cospeito para comezar un roteiro que os levará a percorrer as súas beiras. No percorrido hai instalados varios observatorios ornitolóxicos. O ornitólogo Antón Gende tomará entón a palabra para explicar o comportamento e características das aves que hibernan na lagoa.
O Concello reservará prazas nun restaurante da bisbarra, cunha oferta de menú moi económica, para quen dexese xantar. Os que prefiran levar alimentos da casa poden facelo, aínda que a organización non lles pode asegurar a dispoñibilidade dun espazo a cuberto para xantar en caso de que chova.
Unha vez rematado o xantar o grupo desprazarase até a localidade de Rábade. Alí o profesor Ramón Díaz participa na labora de recuperación fluvial que está a levar a cabo un grupo de investigación da USC. O profesor explicará aos asisntentes en que consiste o proxecto e como se está a levar a cabo. O retorno da excursión está previsto para as 19:00 horas, aproximadamente.











